Novas entradas dispoñibles para gozar con ‘Kaleidoscope’ de Isabel Dobarro no Auditorio de Galicia

Compostela Cultura traslada á Sala Ángel Brage o concerto da pianista compostelá programado no ciclo Contemporáneas por mor da alta demanda de localidades 
Esta mudanza non afecta ás persoas que xa tiñan entradas para o recital, que poderán acceder con elas ao Auditorio e ocupar as butacas inicialmente asignadas
Contemporáneas é un programa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura co apoio da Deputación da Coruña
 

A grande expectación ante o proxecto co que Isabel Dobarro acadou este venres o Grammy Latino disparou nos últimos días a retirada de convites para asistir ao concerto da pianista compostelá programado o próximo 26 de novembro, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia e encadrado do ciclo Contemporáneas. Para responder ás demandas do público e permitir que un maior número de persoas poidan descubrir esta proposta, Compostela Cultura trasladou o evento da Sala Mozart á Sala Ángel Brage, tamén no Auditorio de Galicia pero con meirande capacidade, mantendo tanto a data como a hora inicialmente previstas.

Esta mudanza non afecta ás persoas que xa tiñan entrada para o recital, que poderán acceder ao Auditorio de Galicia cos seus convites e sentar nas butacas inicialmente asignadas. O resto de público interesado pode xa retirar novas invitacións na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural (praza de Cervantes). En caso de que o día do concerto existan aínda localidades dispoñibles, estas tamén se poderán obter no despacho de billetes do Auditorio de Galicia a partir das 19.30 horas. 

Un programa que celebra a creatividade feminina internacional

Recoñecida agora cun Grammy Latino, Isabel Dobarro regresa á súa cidade cun recital que reivindica a diversidade e vitalidade da creación musical feminina contemporánea. Kaleidoscope percorre distintas xeografías, xeracións e estéticas, reunindo obras de nove compositoras que exploran o vínculo entre natureza, emoción e identidade.

O programa ábrese con Carolyn Morris e a composición Blue Ocean (2021), unha inmersión que evoca a amplitude do océano cun discurso lírico dominado pola tímbrica.

Desde aí, o itinerario avanza cara á poesía intimista de Danaë Xanthe Vlasse, que en Fantaisie#2 Swan Song (2013) tece un un relato musical con duetos que evocan a división entre corpo e alma. 

A paisaxe transfórmase despois no ritmo e na cor de Nkeiru Okoye, cuxos African Sketches (2003-2004, 2015) combinan elementos da tradición africana cunha linguaxe contemporánea, xerando atmosferas que remiten tanto á vida cotiá como á dimensión simbólica da natureza.

Coa proposta sonora de Karen Tanaka en Water Dance (2008), timbre, harmonía e textura evocan Noruega e o fluxo constante da auga, en estruturas pianísticas transparentes e en transformación continua.

Dende esta atmosfera líquida, o recital desemboca nos espazos graníticos de Marisa Manchado Torres, que en Dunas (2019)  alterna calma e tormenta, cun piano que transita da introspección á intensidade emocional, convidando a reflexionar sobre a relación entre natureza e experiencia interior.

Unha busca que dialoga coa fluidez contemplativa de Ann Southam, cuxo Rivers (1981) converte o piano nun caudal infinito, feito de repeticións mínimas e variacións internas.

Zulema de la Cruz continúa esta idea coa súa serie Estudios sobre el agua (2000-20025), onde “Olas”, “Gotas” e “Espumas” compoñen un pequeno poema musical pensado con base na proporción áurea. 

A viaxe achégase ao seu final coas texturas cálidas de Consuelo Díez e os Rumores de El Puerto (2009), unha peza que reflicte unha forte personalidade no estilo, un fondo coñecemento da técnica e das posibilidades do piano e amosa a capacidade para captar a linguaxe e o espírito da música de Albéniz. 

E, como regreso á terra propia, soa Carme Rodríguez con Alalá das Paisaxes Verticais (2021), unha obra que se eleva desde a tradición galega para crear unha paisaxe emocional que convida á memoria e á introspección.

Nesta suma de perspectivas, Kaleidoscope constrúe unha experiencia sonora plural, onde nove compositoras amosan nove maneiras de entender o mundo a través do piano. Un recital que respira liberdade, natureza e identidade —un mosaico en continuo movemento, coma a auga que o inspira.

 

Isabel Dobarro

Pianista compostelá, é recoñecida tanto pola súa intensa actividade concertística como polo compromiso coa visibilidade de compositoras. Actuou en escenarios emblemáticos como o Stern Auditorium do Carnegie Hall, Palau de la Música Catalana, Teatro Colón de Bos Aires, Conservatorio Chaikovski de Moscova e en salas de Alemaña, Italia, Portugal, Bélxica, Reino Unido, Arxentina e España. Distinguida en numerosos concursos internacionais, colaborou como solista con orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, a OSSB de Barcelona, a Orquestra Filharmónica de Braga e a Málaga Camerata, baixo dirección de Michael Thomas, Claudia Dubé ou Diego Masson. Participou en festivais como o Internacional de Música de Segovia, Música en Compostela, Música Española de Cádiz e o Gijón International Piano Festival. 

Especialmente activa na recuperación e difusión de creadoras, interpretou e estreou obras de Clara Schumann, Marianna Martínez, Consuelo Díez, Diana Pérez Custodio, Mercedes Zavala ou Marga Richter, liderando proxectos como Women in Music ou a homenaxe internacional a Pauline Viardot, que incluíu concertos, conferencias e a gravación de The Unknown Pauline Viardot, disco aclamado por Opera News e galardoado co Melómano de Oro. Gravou obras de compositoras contemporáneas con artistas como Anna Tonna e Miguel Borrego (Premio Nacional de Música), e estreou traballos de Eduardo Soutullo, Octavio Vázquez e Juan Durán. Cunha visión comprometida e transversal, integra o seu labor artístico en proxectos de impacto social, que vinculan a música cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.

É doutora pola Universidade de Nova York, onde comezou a impartir clases aos 19 anos. Formouse tamén na Manhattan School of Music (Professional Studies Degree), no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid (Grao Superior de Piano) e na Universidade de Nova York. Ademais, completou o Grao en Dereito na UNED e estudos de Dereito na NYU, así como cursos de sustentabilidade na SDG Academy.

En Harvard obtivo un Certificado en Business pola HBX Business School; completou un curso de liderado na Universidade de Cambridge, e no IE Law School cursou un dobre mestrado en acceso á avogacía e asesoría xurídica bilingüe.

Contemporáneas

Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un programa que o  Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña.