'Anoche conquisté Tebas' é a gran gañadora de Cineuropa 39

O filme de Gabriel Azorín, filmado nas termas de Bande, convértese na primeira película con produción galega que obtén o máximo galardón do festival
A longametraxe de Azorín é elixida polo Xurado Oficial do certame como o mellor filme da sección Cineastas do Presente, que lle outorgou tamén o premio ao mellor guión e distinguiu o seu elenco ao completo coa mellor interpretación
O Xurado Novo premiou A Useful Ghost como mellor filme, ademais de recoñecer a dirección de Sound of Falling e o guión de O riso e a faca

A película de Gabriel Azorín, Anoche conquisté Tebas, converteuse esta noite na gañadora absoluta da 39ª edición de Cineuropa, ao obter o premio a Mellor Película e tamén os de Mellor Guión e o de Mellor Interpretación Masculina, outorgado a todo o cadro de actores que se bañan e conversan nas termas de Bande e logran transportarnos á Roma Antiga. Este triunfo cobra ademais un valor de singularidade histórica porque é a primeira ocasión que unha película con parte da súa produción galega, a cargo de Filmika Galaika, obtén o máximo galardón da sección oficial competitiva de Cineuropa, Cineastas do presente.

O xurado internacional de Cineuropa, composto pola xornalista, crítica e profesora de Comunicación catalá, Eulàlia Iglesias, o cineasta e escritor asturiano Ramón Bande, un dos referentes do cinema español de non ficción, e a produtora arxentina Florencia de Mugica, especializada en obras de cineastas emerxentes, rubricou este triunfo absoluto de Anoche conquisté Tebas. A película, primeira longametraxe do director Gabriel Azorín, foi seleccionada na pasada Mostra de Venecia, na sección Giornate degli Autori e é unha proposta de inmersión na atmosfera do pasado da Roma antiga, a partir dun uso de linguas como o latín e de conversacións sostidas nunhas termas que comezan por ser as dun tempo presente pero van transitando cara a unha evocación doutra era, a partir dun portentoso traballo de iluminación nocturna e dun guión de brillantez case inabarcable.

No palmarés oficial hai unha segunda película especialmente recoñecida, o filme croata God Will Not Help (Deus non axudará), que recibe o premio á Mellor Dirección para Hana Jušić e tamén o de Mellor Interpretación Feminina para a formidable actriz chilena Manuela Martelli. Martelli, que é tamén directora, presentou na 36ª edición de Cineuropa (2022) a súa longametraxe 1976, que obtivo tamén o premio á interpretación.

O xurado outorga o seu Premio Especial á película paraguaia Bajo las banderas, el sol, na cal Juanjo Pereira, a través dun inxente material de arquivo nunca antes visto, recupera a figura do ditador Alfredo Stroessner, quen gobernou aquel país case corenta anos e logrou pasar case desaparecido baixo o radar informativo e mesmo ser recibido internacionalmente nas cancillerías de países europeos como Francia ou Alemaña, nunha xira que foi pagada polo ditador español Francisco Franco. Juanjo Pereira explicou en detalle o seu traballo durante a súa estancia en Cineuropa cun filme que xa obtivo o Premio á Mellor Película no Festival de Cinema Independente de Boas Aires e o Premio do público na pasada Berlinale.

E o palmarés oficial desta 39ª edición de Cineuropa complétao a Mención Especial que o xurado realiza ao guión do filme tailandés A Useful Ghost (Unha pantasma útil), película que mestura o fantasmal co político, ao relatar como o espírito dunha muller morta comeza por manifestarse a partir da comicidade dunha aspiradora. Pero, a partir de aí, fía un relato que se eleva como metáfora poética que reivindica a memoria dos desaparecidos nun réxime totalitario. Unha pantasma útil obtivo en Cannes o premio a Mellor Película na Semana da Crítica.

Premios do Xurado Novo

Precisamente esta película tailandesa de Rachtapoom Boonbunchachoke foi merecedora do premio á Mellor película polo Xurado Novo do festival. Este xurado, integrado nesta edición por Irene Álvarez, Marie González, João Rebocho, Alicia Ruiz, César López, Lucía Martínez e Lola Toval, premiou tamén a alemá Mascha Schilinski como Mellor Directora por Sound of Falling, que aborda a historia dunha casa de campo e de tres xeracións de mulleres que a habitaron. Sound of Falling obtivo en Cannes o Premio do Xurado, ex aequo co Sirāt de Oliver Laxe. O palmarés do Xurado Novo complétano o premio a Mellor Guión ao portugués Pedro Pinho polo envolvente achegamento ao neocolonialismo en África desenvolvido en O riso e a faca e os premios de interpretación para Tânia Maria, Mellor Actriz polo filme brasileiro de Kleber Mendonça Filho O agente secreto e para Osvaldo Sánchez, o mozo que establece relacións con camioneiros na película de David Pablos En el camino, que acaba de gañar a sección Orizzonti na Mostra de Venecia.

Apoios e colaboracións

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións como o Instituto Camões, a Xunta de Galicia - AGADIC e a Universidade de Santiago de Compostela, alén doutras entidades culturais e empresariais da cidade.