Abonos Flexibles e Abonos (EN)FOCO, á venda dende o 4 de setembro

A nova temporada da Real Filharmonía de Galicia ofrece novas opcións de abono adaptadas a distintos públicos
Baixo o título 'Historias' a temporada 2025-2026 da orquestra presenta, ademais dos coñecidos abonos anuais, a posibilidade de adquirir abonos flexibles ou abonos exclusivos para o ciclo (EN)FOCO

No marco da celebración do 30 aniversario da Real Filharmonía de Galicia, a súa vindeira temporada, ‘Historias’, presenta un programa que combina memoria, innovación e contemporaneidade. Por este motivo, os novos formatos de abonos buscan responder á diversidade de intereses e ritmos e tamén aos distintos públicos que quere alcanzar a RFG, sen perder de vista o compromiso cultural que caracteriza a institución.

Coincidindo coa súa proposta artística, engádense novas modalidades de abonos ás xa coñecidas polo público. Deste xeito, ademais dos abonos anuais e mesmo das entradas individuais, este ano volven os abonos flexibles, que permiten ao público escoller entre 5 ou 10 concertos e, tamén, preséntase a posibilidade de comprar entradas a un prezo reducido para os concertos do ciclo (EN)FOCO, un espectáculo comentado con opción de alargar a velada con petisco e bebida na cafetería do Auditorio. 

Abonos flexibles e Abonos (EN)FOCO, á venda o 4 de setembro
Abono flexible 5: permite elixir entre cinco concertos de toda a temporada por 62,50 €
Abono flexible 10: ofrece a posibilidade de escoller dez concertos entre todas as propostas desta temporada por 125 €

Os abonos flexibles están á venda dende este xoves, día 4 de setembro, na web de compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (situada na praza de Cervantes e con horario de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). 
Cómpre ter en conta que aquelas persoas que opten pola compra presencial do abono no despacho de billetes terán que acudir tamén presencialmente a canxear as súas entradas. De facer a compra en liña a través da web de Compostela Cultura poderán trocar o abono por entradas telematicamente dende o seu perfil de persoa usuaria. En calquera dos casos, a retirada de entradas con cargo ao abono só poderá facerse a partir do 25 de setembro. 

Abono (EN)FOCO: a persoa titular deste abono poderá asistir ao ciclo (EN)FOCO ao completo. Son tres concertos comentados, sempre aos venres, por 40 €
Abono (EN)FOCO con petisco e bebida: ademais dos tres concertos comentados, esta opción contempla a degustación dun petisco e unha bebida na cafetería do Auditorio por 58€

Neste caso, a venda realízase tamén a partir do 4 de setembro pero unicamente de maneira presencial no despacho de billetes da Zona C. As persoas que optan por esta modalidade reciben directamente as súas entradas para os tres concertos. 

Abonos anuais, á venda o 15 de setembro
Abonos anuais: permiten adquirir entradas para toda a temporada. Dentro desta modalidade, é posible escoller entre tres formatos distintos.

ABONO A:  23 concertos (de outubro a xuño) por 279,00€
ABONO B: 13 concertos (de outubro a xaneiro) por 175,95€
ABONO C: 10 concertos (de febreiro a xuño) por 140,25 €

Para os abonos anuais, a venta estará habilitada entre os días 15 e 19 de setembro de 2025. Neste caso, cómpre indicar que a persoa interesada poderá facelo na Zona C (de martes a sábado, en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h), no despacho de billetes do Auditorio de Galicia, de 10 a 14 horas, ou a través do teléfono do Auditorio (981 571 026) nese mesmo horario.

Entradas individuais, á venda o 25 de setembro
Finalmente, as entradas individuais estarán dispoñibles a partir do día 25 de setembro na web de compostelacultura.gal, na Zona C · Punto de información Cultural (de martes a sábado, en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h) e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (só os días de cada concerto dende unha hora antes do seu comezo).

Máis información sobre abonos, prezos e descontos na web de Compostela Cultura

MÁIS INFORMACIÓN

'Historias', a temporada coa que a RFG celebra o sei trinta aniversario

Abonos flexibles á venda dende o 4 de setembro