

O colectivo VACAburra presenta no Teatro Principal unha peza híbrida que mestura palabra, corpo e imaxe para cuestionar os relatos hexemónicos da historia da arte
As entradas (10 € con descontos dispoñibles) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e na Zona C, e o propio mércores no Teatro Principal dende as 19.30 horas
Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza, o Teatro Principal acolle este mércores 29 de abril, ás 20.30 horas, Familia Nijinska, unha proposta escénica do colectivo VACAburra que se move entre a conferencia performativa e a creación contemporánea para reconstruír —e interrogar— a memoria dunha saga de bailaríns e bailarinas que contribuíron a transformar a danza a comezos do século XX.
Dirixida por Gena Baamonde e Andrea Quintana, a peza constrúe un relato que vai máis alá do biográfico para abrir unha reflexión sobre os mecanismos de construción da historia e da memoria artística. A través dunha linguaxe escénica híbrida, que combina palabra, movemento e trazo, Familia Nijinska introduce tamén figuras e presenzas que transitan entre o real e o fantástico, configurando un universo poético e á vez combativo.
A obra aborda cuestións como o estigma da saúde mental, a invisibilización das mulleres creadoras ou a lexitimación de determinados corpos e discursos dentro da historia da arte. Neste sentido, preséntase como unha interrogación viva sobre quen escribe os relatos que herdamos e que voces quedan fóra deles.
Con interpretación das propias creadoras, Gena Baamonde e Andrea Quintana, o espectáculo conta cun equipo artístico no que destacan a iluminación de Montse Piñeiro, o espazo sonoro de Eva Comesaña e as ilustracións e escenografía desenvolvidas pola propia Quintana. A peza foi apoiada por distintas residencias de creación como Escenas do Cambio, Desfoga, A Casa Vella ou a Sala Ártika.
Ao remate da función terá lugar unha posfunción co equipo artístico, na que o público poderá afondar nas claves da proposta e no seu proceso de creación.
As entradas teñen un prezo de 10 euros, con descontos do 50 % para os colectivos habituais, e poden adquirirse de forma anticipada a través da web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (praza de Cervantes) e xa o propio día da función no Teatro Principal desde unha hora antes do comezo.
O espectáculo forma parte da programación escénica que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e que conta co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago.


