‘Facemos e xa vemos’, unha conversa con Ana Moure Rosende para afondar na relación entre arte, colectivo e territorio

Este faladoiro aberto ao público enmárcase nas actividades da instalación ‘Acumulacións dun presente moi pasado’, un dos traballos seleccionados na convocatoria de Compostela Cultura para proxectos de intervención artística da Zona C no período 2024–2025, que pode ser visitada ata o 7 de febreiro 
A asistencia á actividade, programada o mércores 14 de xaneiro ás 18 horas na Zona C, é libre sen necesidade de reserva.
 

A Zona C acolle esta mércores, 14 de xaneiro ás 18.00 horas,  a conversa Facemos e xa vemos, un encontro coa artista Ana Moure Rosende, integrante do colectivo La cuarta piel, que convida a afondar na práctica artística colectiva, na relación co territorio e nas formas de convivencia que se activan desde a creación contemporánea. A actividade inscríbese no marco da mostra Acumulacións dun presente moi pasado, actualmente en exhibición neste  espazo expositivo da praza de Cervantes.

Durante a conversa, Ana Moure Rosende compartirá as claves conceptuais e os procesos de investigación que sustentan esta instalación, un proxecto que imaxina unha expedición humana a futuras paisaxes xeolóxicas formadas polos residuos acumulados nas marxes urbanas. A proposta convida a observar os restos da vida contemporánea como estratos dunha paisaxe artificial chamada a perdurar durante milleiros de anos, mesmo máis alá da presenza humana.

A instalación traballa con materiais sometidos a distintos procesos de desintegración para poñer en diálogo dous polos aparentemente opostos: os obxectos prezados e os refugallos. Ambos, porén, comparten un destino común, ao integrarse nunha mesma memoria material do planeta. A partir desta idea, Acumulacións dun presente moi pasado propón imaxinar novas covas, ecosistemas e reliquias que poderán emerxer destas montañas artificiais no futuro, abrindo preguntas sobre que vestixios deixará a nosa era.

Nun contexto de colapso na xestión global dos residuos, con infraestruturas saturadas e depósitos ao límite, o proxecto reflexiona tamén sobre aquilo que a sociedade escolle ocultar e sobre a tendencia a idealizar determinados obxectos como símbolos afectivos ou talismáns. Esa contradición dá lugar a novas cordilleiras creadas polo humano, cargadas de potencial narrativo, histórico e ecolóxico.

Na conversa Facemos e xa vemos, a artista propón un achegamento próximo aos procesos creativos e ás preguntas que atravesan a mostra, á súa relación cos proxectos de investigación artística de La cuarta piel, poñendo o acento na creación colectiva, na transdisciplinariedade e na necesidade de repensar a nosa relación co territorio desde prácticas situadas e compartidas.

Acumulacións dun presente moi pasado é unha das propostas seleccionadas na convocatoria de proxectos de intervención artística da Zona C de Compostela Cultura para o período 2024–2025 e poderá visitarse até o 7 de febreiro, de martes a sábado, en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. A conversa Facemos e xa vemos ten acceso libre ata completar capacidade.