FACEMOS E XA VEMOS · CONVERSA CON ANA MOURE ROSENDE

DATOS BÁSICOS

A Zona C acolle a conversa Facemos e xa vemos, un encontro coa artista Ana Moure Rosende arredor da súa práctica artística e da instalación Acumulacións dun presente moi pasado. A sesión propón unha reflexión aberta sobre a creación colectiva, a relación co territorio e as formas de convivencia que se constrúen a través da arte contemporánea.

Partindo dun proxecto que imaxina futuras paisaxes xeolóxicas formadas polos residuos das marxes urbanas, Ana Moure Rosende afonda nos procesos de investigación, ficción e materialidade que atravesan o seu traballo. A conversa aborda cuestións como a acumulación, a ocultación do que non queremos ver e o destino común dos obxectos e dos refugallos, convidando a pensar o presente desde unha mirada a longo prazo.

A artista, que forma parte do colectivo de investigación artística La cuarta piel, compartirá as claves dun proxecto que combina pensamento ecolóxico, narración especulativa e intervención no espazo expositivo. Unha oportunidade para achegarse aos procesos creativos e ás preguntas que atravesan a mostra, nun formato próximo e participativo. Acceso libre.

A instalación Acumulacións dun presente moi pasado forma parte dos traballos seleccionados na convocatoria de proxectos de intervención artística para a Zona C, e poderá ser visitada até o 7 de febreiro, de martes a sábado.

 

Duración: 
60 min (aprox.)
Acceso: 
  • Entrada de balde
Info práctica: 
Mércores, 14 Xaneiro, 2026
18:00
Zona "C"