

Trátase dun dos traballos seleccionados na convocatoria de Compostela Cultura para proxectos de intervención artística da Zona C no período 2024–2025.
A instalación permanecerá aberta no edificio da praza de Cervantes até o 7 de febreiro con acceso libre de en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 h
O vindeiro sábado, día 7 de febreiro, conclúe o percorrido expositivo de Acumulacións dun presente moi pasado, o traballo da artista compostelá Ana Moure Rosende seleccionado na convocatoria de Compostela Cultura para proxectos de intervención artística da Zona C no período 2024–2025. A proposta ficciona unha expedición humana cara ás futuras formacións xeolóxicas que xurdirán dos residuos acumulados nas marxes urbanas, convidando o público a contemplar os restos da vida contemporánea como parte dun territorio por vir.
Acumulacións dun presente moi pasado articúlase a partir de materiais sometidos a distintos procesos de desintegración, para explorar como os obxectos prezados e os refugallos comparten un destino común: converterse en estratos dunha paisaxe artificial chamada a perdurar durante milleiros de anos. A obra imaxina covas, ecosistemas e reliquias que poderán emerxer destas montañas artificiais, formulando unha pregunta central: que vestixios quedarán da nosa era dentro de 5000 anos?
Nun momento de colapso global na xestión de residuos —con infraestruturas saturadas e depósitos ao límite— o proxecto reflexiona sobre aquilo que a sociedade prefire ocultar e, ao mesmo tempo, sobre a idealización de certos obxectos como talismáns ou símbolos afectivos. Esa contradición dá lugar a novas cordilleiras creadas polo humano, cargadas de potencia narrativa, histórica e ecolóxica.
A dicir da autora, integrante do colectivo de investigación artística La cuarta piel : “Acumulamos o que estimamos, agochamos o que nos molesta, mais ambos os dous procesos conducen ao mesmo final: a integración nunha paisaxe que sobrevivirá aos humanos”. O proxecto diríxese así a quen visita a instalación cunha invitación a pensar a escala profunda do tempo e a asumir o papel dos restos da vida cotiá na construción da memoria material do planeta.
Acumulacións dun presente moi pasado está ideada e dirixida por Ana Moure Rosende, en colaboración con Mon Cano e Ximo Berenguer, con produción de Íñigo Barrón García, César Fuertes Llorens, Javier Gutiérrez Hernández, Jerome Lorente Martí e Carlos Pastor García. Conta co apoio do Consorci de Museus da Comunitat Valenciana e do Centro Cultural Las Cigarreras. A intervención poderá ser visitada de forma libre até o propio sábado en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas.