

As propostas do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e de Spinish Circo, inicialmente programadas ao aire libre, celebraranse no edificio da rúa de Galeras polas previsións de choiva
O Festival C modifica a localización de dous maís dos espectáculos previstos para esta semana por mor da previsión meteorolóxica. Así a sesión de Por que non cantades todas? programada para hoxe e o espectáculo Fins al cel, incluído na axenda deste xoves, trasládanse á Casa das Máquinas, mantendo os días e horarios inicialmente anunciados.
A decisión adóptase co obxectivo de garantir a celebración das dúas propostas e facilitar que o público poida gozar da programación nas mellores condicións posibles
Deste xeito, hoxe mércores 26, ás 20.00 horas, a Casa das Máquinas acollerá a última sesión do ciclo Por que non cantades todas?, protagonizada polo Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia. A proposta pon o ramo a unha edición dedicada á tradición oral galega e ao papel das cantareiras na conservación e transmisión do patrimonio musical e poético.
A seguir, terá lugar no mesmo espazo outra das sesións de cinema organizadas en colaboración con NUMAX, coa proxección do filme Caro Diario, de Nanni Moretti, a partir das 21.45 horas. Este cambio xa fora anunciado nos días previos.
Finalmente mañá xoves 27, ás 20.00 horas, o edificio da rúa de Galeras abeirará tamén Fins al cel, de Spinish Circo, un espectáculo de circo contemporáneo con música en directo que propón unha viaxe arredor da diversidade, das identidades e dos límites persoais.
En todos os casos, a entrada é libre ata completar capacidade, se ben para a sesión de cinema será posible reservar cadeira no lugar a partir das 21.15 horas.
Información actualizada na web e redes de Compostela Cultura
A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. Os cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.
O Festival C é unha iniciativa organizada polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración do programa APEGO.