Rocío Márquez abre unha fiestra ao ritual e á memoria con Himno Vertical no Auditorio de Galicia

A cantaora andaluza presenta o 11 de abril unha proposta que reinventa o réquiem desde o flamenco contemporáneo dentro do ciclo Fiestra Aberta
As entradas poden ser adquiridas de forma anticipada en compostelacultura.gal e na Zona C e, xa o día do concerto, no despacho de billetes do Auditorio dende as 19.30 horas
 

O ciclo Fiestra Aberta continúa a súa programación no Auditorio de Galicia coa presentación de Himno Vertical, o novo proxecto de Rocío Márquez, unha das voces máis singulares e renovadoras do flamenco actual. O concerto terá lugar o sábado 11 de abril ás 20.30 horas, nunha cita que convida a mergullarse nunha experiencia sonora e simbólica arredor da vida, a morte e a transformación.

Cunha traxectoria marcada polo diálogo entre tradición e vangarda, Rocío Márquez constrúe unha proposta artística que combina investigación, creación e excelencia interpretativa. En Himno Vertical, acompañada polo guitarrista Pedro Rojas-Ogáyar, reformula o concepto de réquiem para afastalo da súa dimensión estritamente litúrxica e convertelo nun espazo de tránsito e celebración compartida.

Lonxe de responder a unha única voz, a peza preséntase como un eco coral que emerxe do colectivo, un ritual que honra tanto as despedidas como os comezos. A través dunha linguaxe escénica que integra música, palabra e corpo, o espectáculo propón unha reflexión poética sobre o ciclo vital, cuestionando a idea de opostos para asumilos como parte dunha mesma danza.

A proposta conta coa dirección e dramaturxia de Fran Torres, e reúne un equipo artístico no que tamén toman parte Roberto Martínez (escenografía, vestiario e coreografía), Benito Jiménez (iluminación) e Javi Mora (son), entre outros. A creación musical corre a cargo da propia Rocío Márquez xunto a Pedro Rojas, con letras asinadas pola cantaora en colaboración con Carmen Camacho.

Con apoio do INAEM – Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, do Ministerio de Cultura, Himno Vertical chega a Compostela como unha das citas destacadas do ciclo Fiestra Aberta, consolidado como un espazo para voces que expanden os límites da creación musical contemporánea.

As entradas teñen un prezo de 14 euros e poden adquirirse a través da web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C ou no propio Auditorio de Galicia o día do concerto dende unha hora antes do seu inicio. Existen descontos do 50% para diferentes colectivos. Recoméndase o uso preferente da compra en liña.

Fiestra Aberta. Un mapa de voces e resonancias

Fiestra Aberta é un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. Alén do próximo concerto de Rocío Márquez, e os de Antía Muíño e SÉS celebrados en marzo, tres novas propostas completarán ata o mes de maio un programa que fai dialogar tradición e contemporaneidade, memoria e experimentación.

O 22 de abril, ás 20.30 h, Teatro Principal acollerá a presentación de Amorodios de Xan Campos, un traballo que supón un punto de inflexión na súa traxectoria ao incorporar a voz e a palabra da man de Faia Díaz, xunto a Iago Fernández e Virxilio Da Silva. Unha proposta viva, honesta e profundamente transformadora.

O 3 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, Pablo Sanmamed presentará A estrela mostrada, un proxecto que retoma o diálogo entre música antiga e jazz contemporáneo, inspirado nas cantigas da lírica galego-portuguesa e noutras tradicións medievais. Unha viaxe sonora de gran forza emocional, na que o pasado se revela como materia viva que resoa no presente creativo.

O último dos concertos anunciados será o 29 de maio, ás 20.30 h, no Teatro Principal, con Traspielas de Su Garrido Pombo, unha proposta multidisciplinar xunto a Macarena Montesinos, Iago Ramilo, Marco Maril e Fran Rodríguez Casal. Música, palabra e imaxe combínanse para celebrar a memoria colectiva dunha aldea, mesturando cancións tradicionais, electrónica, experimentación e materiais audiovisuais actuais e de arquivo.

A través de propostas coma estas, que se estenderán até final de ano con novos concertos aínda por anunciar, Fiestra Aberta pon o foco na exploración do íntimo como territorio creativo e político, na palabra poética como ferramenta de coñecemento e na música como linguaxe común capaz de atravesar fronteiras, xeracións e tradicións. Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura e co apoio do Consorcio da Cidade, o ciclo insírese tamén na vontade de facer de Santiago unha cidade rosaliana, comprometida coa difusión da figura de Rosalía de Castro e coa súa proxección como referente cultural europeo.