SEMPRE MÁIS. ARTE, ECOLOXÍA E PROTESTA NA GALIZA DO PRESTIGE

DATOS BÁSICOS

Prorrogada até o domingo 28 de maio!

Nos vinte anos do seu aniversario, esta mostra quere volver sobre a memoria, a creatividade e as protestas que acompañaron o afundimento do Prestige para reflexionar sobre a necesidade hoxe de seguir xuntando a defensa da democracia e a da ecoloxía. A partir do Arquivo Vivo da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra, que leva acompañando os legados do Nunca Máis dende o ano 2017, e grazas a unha rede extensa de artistas, investigadoras, activistas e compañeiras, este proxecto colectivo busca abrir preguntas incómodas, imaxinar mundos e partillar loitas.

A mostra quere dignificar a desbordante creatividade popular do Nunca Máis, dunha arte que non foi tomada en serio como tal, porque estaba vestida de materias precarios: papel, cartón, piche, materias de refugallo, plásticos ou píxeles. A forza material desas creacións aínda nos interpela. E, para iso, queremos aprender a miralas. A exposición pretende así pensar a continuidade que xustamente o Nunca Máis afirmou entre estética e política, entre arte e documento, entre público e cidadanía, entre festa e protesta, entre tradición e creación, entre natureza e cultura.

As vellas estratexias da cultura popular baséanse na repetición, no volver a facer en grupo, para construír unha verdade histórica e documental. Aprender a facer refacendo é un xeito de ocupar un lugar nunha tradición que non sexa só homenaxe, senón tamén actualización. Porque Sempre Máis non quere nostalxia nin celebración. Non quere dicir «contra Fraga protestabamos mellor». Quere resintonizar coas potencias dunha Galicia creadora, dona dun relato de seu e das afíns.

Ao tempo, ese Sempre Máis tamén nos advirte dos riscos dun porvir que se presenta toda hora como catástrofe e dun capitalismo acelerado que nos reclama sempre máis: máis extracción de recursos, máis mobilización de afectos e subxectividades, máis consuncións. Respecto desas demandas sempre seremos máis, contra os poucos que se benefician dun mundo concibido como permanente incremento de capital.

Sempre Máis interrógase polas conexións da ecoloxía pensada como demanda política, da protesta vivida como obra de arte e da arte entendida como natureza e traballo. A mostra organízase desde cinco eixos. Primeiro, analiza a construción dunha conciencia ecolóxica a partir da memoria das loitas veciñais e ambientais desde os anos setenta. En segundo lugar, interrógase pola relación entre pacifismo e ecoloxía ante os desafíos propios do século XXI, nun contexto global de esgotamento do petróleo. Como terceiro punto, presenta as formas artísticas da protesta do Prestige a partir das tradicións populares galegas e, especialmente, da estética do entroido. En cuarto lugar, estuda as formas de arte que xurdiron a partir do 2002 dende a observación e o diálogo coa natureza. E, finalmente, defende a capacidade do Nunca Máis de traballar en rede e de activar formas de imaxinación política útiles para o futuro.

Germán Labrador Méndez é director da división de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía. Profesor no Departamento de Español e Portugués da Universidade de Princeton dende 2008. Catedrático [full Professor] desta institución desde 2018. Profesor visitante na Universität Hamburg (DAAD). Profesor visitante en CUNY-The Graduate Center. As súas investigacións no ámbito da historia cultural, especialízanse no estudo dos mundos ibéricos na época contemporánea, a partir das relacións entre estética e política, cidadanía e memoria. É o autor de "Letras arrebatadas. Poesía y química en la transición española" (Devenir, 2009) e "Culpables por la Literatura. Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1986)" (Akal, 2017). Foi un dos comisarios da exposición "Poéticas de la democracia. Imágenes y contra-imágenes de la transición española" (MNCARS 2018-2020) e colaborou como asesor na nova presentación da Colección do MNCARS. Ten publicado máis dun centenar de edicións, artigos de investigación, capítulos de libros e outros textos académicos, en revistas e editoriais nacionais e internacionais.

Unha Gran Burla Negra (UGBN) é unha Asociación Cultural nada en 2017 co propósito de activar a memoria colectiva e promover a reflexión cidadá sobre os acontecementos que rodearon á catástrofe do Prestige en novembro de 2002. O nome amadríñaos intencionadamente co colectivo Burla Negra, pata cultural do movemento Nunca Máis, forzas ambas que representaron e promoveron a dignidade cidadá. O labor da AC Unha Gran Burla Negra fundaméntase na construción dun Arquivo Vivo, unha práctica baseada na procura, custodia, coidado, estudo, catalogación, exposición, reflexión e mediación da morea de pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos, intervencións e testemuñas - anónimas ou non - producidas pola cidadanía desbordando as rúas e os medios durante os meses da catástrofe. Os fondos do arquivo proveñen principalmente de doazóns de colectivos e particulares. O Arquivo Vivo aspira a ser plenamente accesible, consultable e aberto.

Sempre Máis, a asociación Unha Gran Burla Negra traballaron con María Bella, Frank Bushchmann, Daniel L. Abel, Anxo Rabuñal, Andrea Serodio, Mauro Trastoy, Diego Vites, Nicolás Zamorano e Arela CS.

Entradas: 
  • Prorrogada até o domingo 28 de maio!
  • HORARIO Sala Isaac Díaz Pardo
  • Todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h (os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h)
  • Entrada de balde
Funcións: 
Martes, 24 Xaneiro, 2023 a Domingo, 28 Maio, 2023
20:00
Auditorio de Galicia