

Comisariada por Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo, a exposición reúne obras dunha vintena de creadoras nun percorrido que presta especial atención ás prácticas performativas en Galicia e inclúe obras de figuras esenciais no desenvolvemento desta arte
A visita guiada á mostra, que arrancará o sábado 6 de setembro ás 12 horas, contará coa presenza dalgunhas das artistas galegas que a integran, como Neves Seara, Ana Gesto, Mery Pais, Amaya González e Verónica Vicente
‘Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres’, unha exposición de Compostela Cultura co apoio do Consorcio de Santiago, permanecerá na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia até o 28 de setembro
Que a performance sexa hoxe unha das linguaxes artísticas máis relevantes do noso tempo débese, en gran medida, ao papel pioneiro das mulleres artistas. A exposición Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres lémbranos esta certeza, reunindo o traballo (e rexistros do traballo) dun importante número de creadoras capaces de sustentar por si propias un relato completo da evolución desta arte dende finais dos anos sesenta.
O Auditorio de Galicia acolle na Sala Isaac Díaz Pardo esta mostra que propón un percorrido polas distintas formas en que o corpo feminino ten sido ferramenta, mensaxe e territorio de resistencia no marco da práctica performativa. Este sábado, día 6 de setembro ás 12 h, ofrece unha visita guiada da man de parte do equipo curadorial e de artistas que nela toman parte. Neves Seara, Ana Gesto, Mery Pais, Verónica Vicente e Amaya González acompañarán as visitantes nun percorrido en profundidade polos seus traballos. A asistencia é libre e balde.
Unha exposición co corpo como centro para a resistencia
Ao longo da historia recente, foron moitas as mulleres que atoparon na performance un espazo para cuestionar a orde establecida, desprazar as marxes e habitar novos territorios simbólicos. Sen depender das canles tradicionais do sistema artístico, a súa acción abriu camiños onde a voz, o xesto e o risco converteron esta práctica artística nun acto de posicionamento e de creación radical.
Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres, propón un percorrido a través do que coñecer as formas nas que as mulleres artistas teñen participado, e mesmo impulsado, o desenvolvemento da arte de acción dende finais dos anos sesenta ata o presente. Así, fía traballos de artistas fundamentais no panorama galego, estatal e internacional como Marina Abramović (Belgrado, 1946), Pilar Albarracín (Aracena, 1968), Rosana Antolí (Alcoi, 1981), Teresa Búa (Muxía, 1991), Esther Ferrer (Donosti, 1937), Dora García (Valladolid, 1965), Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978), Amaya González Reyes (Sanxenxo, 1979), Maider López (Donosti, 1975), Anna Maria Maiolino (Scalea, 1942), Teresa Margolles (Culiacán, 1963), María Marticorena (A Coruña, 1977), Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978), Ana Mendieta (A Habana, 1948 - Nova York, 1985), Olga Mesa (Avilés, 1962), Itziar Okariz (Donosti, 1965), Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979), La Ribot (Madrid, 1962), Verónica Ruth Frías (Córdoba, 1978), Neves Seara (Ourense, 1983) e Verónica Vicente (Tomiño, 1988).
A exposición, comisariada por Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo, aborda cuestións como a identidade, a memoria, o xénero ou o espazo público desde unha perspectiva crítica e comprometida e propón así un achegamento á arte de acción dende unha óptica feminista e comprometida.
Permanecerá na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia até o 28 de setembro, onde poderá visitarse de luns a domingo, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, agás os días con espectáculo no Auditorio, nos que a sala de exposicións pechará ás 19.00 horas. O acceso é de balde é sen necesidade de reserva.
Un percorrido polos traballos de cinco creadoras galegas
NEVES SEARA | Do íntimo ao acto colectivo
O traballo de Neves Seara caracteriza unha práctica performativa e instalativa de forte carga simbólica e íntima. A súa linguaxe, marcada pola memoria, a identidade e a condición feminina, bebe da cultura popular galega, das microhistorias persoais e do ritual. As súas pezas funcionan como actos de catarse, onde o corpo, o obxecto e o tempo se entrelazan para transformar a ausencia e a ferida en materia poética.
En Carta-diario á miña nai (2018), a artista queima trinta follas, como os días dun mes, abrindo ocos de luz que simbolizan palabras non ditas e silencios herdados. O xesto converte o papel nun diario de feridas e revelacións.
En Carta á outra avoa (2016-2025), emprega a máquina de coser Singer da súa avoa para escribir nun longo rolo de papel fax, nunha acción continua e mecánica que transforma cancións e lembranzas en memoria escrita.
MERY PAIS | Ritual, denuncia e memoria
A performance pode funcionar como un espazo de resistencia simbólica no que se cuestionan estruturas culturais, sociais ou relixiosas que condicionan a identidade e o papel das mulleres. O corpo e os obxectos convértense entón en ferramentas críticas capaces de visibilizar aquilo que historicamente permaneceu oculto ou silenciado.
Neste camiño sitúase o traballo de Mery Pais, artista galega formada entre Galicia e Marrocos, que aborda temas como a alteridade, a migración e o xénero desde unha perspectiva crítica e empática.
En Mujer de Dios II [Muller de Deus II] (2019-2025), unha tea de damasco bordada en fío dourado serviu de soporte para unha acción realizada na praza do Obradoiro, xunto con Mónica Mura e Teresa Búa.
Nela, a artista rompeu e leu versículos da Biblia que subordinaban o papel da muller, transformando o ritual relixioso nun acto de denuncia feminista. A peza, presente na exposición tanto a través do tecido como da fotografía da acción, interroga a orde cultural e relixiosa e dá valor e visibilidade á voz das mulleres.
VERÓNICA VICENTE | O corpo como distintivo simbólico
O traballo de Verónica Vicente xira arredor do corpo entendido como materia performativa e imaxe escultórica. Nas súas pezas, a identidade aparece fragmentada, diluída ou en tensión coa contorna, abrindo unha reflexión sobre a súa fraxilidade nun mundo dominado pola visualidade e a reprodución constante de imaxes.
Na serie Figuras decorativas (2018) sitúa o corpo en interiores luxosos ata convertelo en parte da propia escenografía. Esa mimetización, que asemella ornamental, oculta ao mesmo tempo unha estratexia de resistencia: o xesto contido funciona como expresión crítica, facendo visible o lugar ambivalente entre o ser e o obxecto.
ANA GESTO | Cartografías da memoria no corpo
Ana Gesto constrúe un traballo no que conflúen a performance, o audiovisual, a escultura e a exploración sonora. O corpo convértese no eixo central da súa práctica, unha ferramenta para interrogar a identidade individual e colectiva e para activar procesos simbólicos cargados de forza poética.
As súas propostas escénicas xorden como situacións abertas e intensas, nas que obxectos cotiáns adquiren novas significacións e o diálogo co público se articula a través da materia, do xesto e do son. O tempo e a memoria aparecen como eixos recorrentes, configurando unha experiencia que interpela directamente a percepción sensorial do espectador.
En Saia de pratos (2013) emprega un traxe composto por pratos que, ao ser activado na acción, transforma o corpo nun dispositivo sonoro e visual, no que a identidade e a expresión se funden coa materia.
En Do de peito (2018) recolle unha colcha dos anos oitenta e dálle nova vida converténdoa nun vestido performativo. A peza funciona como arquivo da memoria familiar e como mecanismo de resistencia fronte ao esquecemento, un espazo simbólico onde o íntimo se volve colectivo.
AMAYA GONZÁLEZ REYES | A estética crítica contra o capital
A obra de Amaya González Reyes caracterízase por unha constante tensión entre o racional e o intuitivo, entre o caos e a orde, nun proceso creativo que abraza a imperfección como ferramenta crítica. Cunha formación multidisciplinar que abrangue escultura, artes escénicas e estudos literarios, desenvolve unha práctica polifacética na que conflúen debuxo, instalación, performance, fotografía e texto. Interesada nas contradicións do sistema artístico e nas dinámicas de produción cultural, bebe das estratexias da arte conceptual para cuestionar os límites da obra de arte e o rol do espectador. A súa estética evita o formalismo e aposta por unha linguaxe irónica, lúdica e reflexiva, na que o discurso cobra tanta importancia como o obxecto.
Transportador de sueños y desgracias [Transportador de soños e desgrazas] (2010) é unha obra na que a artista cuestiona, cunha linguaxe poética e crítica, os valores do sistema capitalista. A través dunha carretilla cargada de chatarra, Amaya visibiliza como a sociedade reduce persoas e obxectos ao seu valor de uso. Esta falsa riqueza, que brilla como tesouro, simboliza as ilusións e frustracións acumuladas, revelando a violencia oculta tras a obsesión pola produtividade.