A mostra ‘Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres’ bota a andar no Auditorio de Galicia

Comisariada por Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo, a exposición reúne obras dunha vintena de creadoras nun percorrido que presta especial atención ás prácticas performativas en Galicia e inclúe obras de figuras esenciais no desenvolvemento desta arte
O acto inaugural contou coa participación da alcaldesa Goretti Sanmartín, da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López González, e do equipo curadorial da mostra.
‘Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres’, unha exposición de Compostela Cultura co apoio do Consorcio de Santiago, permanecerá na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia até o 28 de setembro
 

Dar a ver o relevante papel de mulleres artistas na historia da performance e, máis concretamente, do desenvolvemento desta arte en Galicia son os obxectivos principais de Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres, unha exposición que reúne accións e proxectos de vinte e dúas artistas, galegas ou vinculadas ao territorio ao longo da súa traxectoria, que empregan a performance como ferramenta de revisión, crítica e transformación.

Comisariada por Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo –integrantes da Cooperativa Performa–, ao abeiro da programación de artes visuais de Compostela Cultura e co apoio do Consorcio de Santiago, a mostra botou a andar este mércores 18 de xuño na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia. Alén do equipo curadorial, o acto inaugural contou coa presenza da alcaldesa Goretti Sanmartín, da concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López González, dalgunhas das artistas participantes, de integrantes da Corporación Municipal e de numerosas persoas interesadas. 

Intevención da alcaldesa e presidenta do Consello Reitor do Auditorio, Goretti Sanmartín. (FOTO: Aigi Boga)

Goretti Sanmartín, que comezou a súa intervención cunha cita ao Lieders de Rosalía de Castro, vencellou esta proposta expositiva á loita pola visibilidade, pola identidade e pola liberdade do corpo e do desexo feminino. A alcaldesa puxo en valor a escolma de obras realizadas por mulleres que souberon “subverter o canon, ir contra a hexemonía, romper os moldes e facer que as marxes pasen a ser o centro, facer que aquilo que normalmente se entende que pertence ao mundo do privado, ao mundo do personal, á natureza, á memoria, a identidade, ao corpo, que todo iso pase a ser público e pase a ser político”. 

Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo, comisaria e comisario da exposición (FOTO: Aigi Boga)

Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo destacaron o apoio do Auditorio de Galicia á creación contemporánea feminina e galega, que neste proxecto se combina cun afán de recoller accións performativas significativas no contexto ao longo das últimas décadas. A dicir do equipo curadorial, esta mirada permite que nos acheguemos a performances realizadas por artistas galegas ou que tiveron grande influencia no panorama artístico galego, artistas que, "entraban na performance para facer algo efémero, nun lugar dende o que se podía falar de problemas que teñan que ver co feminino, sobre todo problemas relacionados coas violencias que non podían ser expresados doutro xeito, e que souberon tratar moi ben". Ao afondar no interese do equipo curador por tecer este percorrido de rexistros e documentos de obras performativas realizadas por mulleres, Maneiro puxo o foco na "singularidade" da performance que, parafraseando a unha das artistas presentes na exposición, Esther Ferrer, definiu como "arte máis democrática que existe, unha arte que está ligada á vida, ao cotián, á presenza, e que non necesita moito para ser posible, non necesita nada máis que o corpo, a presenza, e ter un interlocutor".

Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres, propón un percorrido a través do que coñecer as formas nas que as mulleres artistas teñen participado, e mesmo impulsado, o desenvolvemento da arte de acción dende finais dos anos sesenta ata o presente. Así, fía traballos de artistas fundamentais no panorama galego, estatal e internacional como Marina Abramović (Belgrado, 1946), Pilar Albarracín (Aracena, 1968),  Rosana Antolí (Alcoi, 1981), Teresa Búa (Muxía, 1991), Esther Ferrer (Donosti, 1937), Dora García (Valladolid, 1965), Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978), Amaya González Reyes (Sanxenxo, 1979), Maider López (Donosti, 1975), Anna Maria Maiolino (Scalea, 1942), Teresa Margolles (Culiacán, 1963), María Marticorena (A Coruña, 1977), Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978), Ana Mendieta (A Habana, 1948 - Nova York, 1985), Olga Mesa (Avilés, 1962), Itziar Okariz (Donosti, 1965), Mery Pais (Santiago de Compostela, 1990), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979), La Ribot (Madrid, 1962),  Verónica Ruth Frías (Córdoba, 1978),  Neves Seara (Ourense, 1983) e Verónica Vicente (Tomiño, 1988). 

A exposición 'Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres' permancerá no Auditorio de Galicia até o 28 de setembro (Foto: Aigi Boga)

Neste percorrido, a mostra vai alén da mera exhibición; é un manifesto que revela como a performance emerxeu como unha das formas de creación máis vibrantes, intimamente ligada á necesidade de asumir novos compromisos sociais. Ao tempo, serve tamén de reflexo da loita das mulleres artistas por gañar espazo nas institucións, onde o carácter efémero da performance facilitou a súa presenza e visibilidade. Dende os anos sesenta, a arte de acción emerxeu como unha linguaxe privilexiada para cuestionar os límites entre arte e vida, cun forte compromiso social. A súa condición efémera permitiu que moitas creadoras atoparan nel un territorio de liberdade e insubmisión. A través do xesto e da presenza, moitas delas abordaron temas como o xénero, a identidade, a violencia ou o territorio, convertendo o corpo en vehículo de expresión e en lugar de enunciación crítica.

A mostra percorre décadas de prácticas performativas, a través das cales poder falar da performance en Galicia, dando visibilidade a artistas que transformaron a maneira de entender a arte dende o corpo. A exposición articúlase arredor de diferentes eixes que permiten pór en diálogo distintos enfoques e xeracións. Do mesmo xeito a exposición fai visible unha historia da performance que nace do xesto feminino, do risco e da invención silenciada. O corpo, entendido como lugar de axencia política, convértese aquí nun espazo poético de resistencia e emancipación.

Facémolo co corpo. A performance é cousa de mulleres é, a un tempo, unha oportunidade para visibilizar prácticas e figuras que desestabilizan as lóxicas normativas e para recoñecer o labor de tantas artistas que fixeron da performance o seu campo de expresión.

A mostra permanecerá na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia até o 28 de setembro. Durante os meses de xuño e setembro poderá ser visitada de luns a domingo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. O horario no resto dos meses de verán será moi similar, coa excepción de que o Auditorio de Galicia pechará os domingos de xullo e o día 25 dese mes, ademais do día 3 agosto e do 10 ao 24 de agosto. Durante todo o período expositivo, o acceso á exposición é de balde sen necesidade de reserva