A vida de Lorca a ollos da súa nai faise poema escénico no Auditorio de Galicia

A Óscar Cobos Compañía de Danza presenta ‘Vicenta Lorca’, unha peza que dialoga entre música, corpo e palabra
No escenario da Sala Ángel Brage, o bailarín e coreógrafo danzará arroupado pola música de Abe Rábade e a interptetación de Inés Salvado
A función terá lugar o domingo 10 de maio ás 20.30 horas, con entradas xa dispoñibles en compostelacultura.gal
 

A figura de Federico García Lorca regresa á escena filtrada pola memoria e o afecto en Vicenta Lorca, unha proposta da Óscar Cobos Compañía de Danza que poderá verse este domingo 10 de maio, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia. A estrea deste traballo intégrase no Foco NeoTrad da programación escénica de Compostela Cultura, unha liña de programación que explora os cruces entre tradición e contemporaneidade.

O pianista e Abe Rábade e o bailarín e coreógrafo Óscar Cobos nunha escena de Vicenta Lorca

A peza preséntase como unha experiencia sensorial afastada da narración convencional. Sobre o escenario, tres intérpretes —o bailarín e coreógrafo Óscar Cobos, a actriz Inés Salvado e o pianista Abe Rábade— tecen unha linguaxe híbrida na que o corpo, a música e a palabra dialogan en igualdade. A proposta transita por imaxes simbólicas que evocan momentos esenciais da vida do poeta —o nacemento, a infancia, a perda ou a morte— para construír unha viaxe onírica que interpela directamente á emoción do público.

Vicenta Lorca afonda nunha dimensión universal: o vínculo entre nai e fillo. Desde esa perspectiva íntima, a obra revisita a figura de Lorca non como mito literario, senón como presenza viva filtrada pola memoria e o afecto. A frase “A muller que máis amo no mundo”, pronunciada polo propio autor, funciona como eco e punto de partida dunha creación que sitúa no centro a experiencia emocional.

Óscar Cobos e Inés Salvado interpretan Vicenta Lorca

Con dramaturxia e dirección de Lorena Conde, o espectáculo conta cun espazo sonoro creado por Abe Rábade e cun coidado deseño escénico e de vestiario a cargo de Carolina Díguele e Isabel O’Connor, que contribúen a configurar unha atmosfera suxestiva e evocadora.

As entradas para o pase no Auditorio, cun prezo de 10 euros, poden adquirirse de forma anticipada a través da web compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). De existiren aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán mercar no propio Auditorio de Galicia o día do evento a partir das 19.30 horas. Existen descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.