A sexta edición do ciclo “De Lugares e Órganos” celebra no Festival C a riqueza organística de Compostela

Corina Marti, Marco Aurélio Brescia, Fernando Buide e Rafa Fernández centran os concertos desta edición

Os órganos do Real Convento de Santa Clara e das igrexas da Universidade, das Ánimas, de San Francisco e de San Paio de Antealtares protagonizan estes días a axenda musical 

Os convites para os eventos de balde xa están dispoñibles en compostelacultura.gal

Do 24 de agosto ao 3 de setembro Compostela renovará a súa xa tradicional cita con De Lugares e Órganos, un programa musical que procura dar a coñecer o patrimonio organístico da nosa cidade. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e a directora do ciclo, Belén Bermejo, presentaron hoxe na Casa do Concello o programa de actividades desta sexta edición que se integra no Festival C e que  busca, un ano máis, recuperar para a cidadanía a memoria, o presente e o futuro destes instrumentos e das súas músicas.

Catro concertos con obras especialmente escollidas para seren interpretadas nos magníficos órganos cos que conta a cidade centran unha edición que tamén inclúe conversas con destacadas figuras da investigación e a interpretación da música para órgano, recitais matinais, exposicións fotográficas e cinema. "Cabe destacar a importancia, para unha cidade como Compostela, de ter iniciativas culturais coma esta que xuntan non só música, senón tamén a descuberta desas outras paisaxes e elementos do patrimonio, que conforman a cidade e a súa historia", salientou a concelleira.

A directora do ciclo, Belén Bermejo, fixo fincapé en que "nesta nova edición presentamos unha programación que combina estilos musicais e formacións moi variadas, desde intérpretes solistas até formacións con propostas diversas e refrescantes. Música antiga, música tradicional, música contemporánea…"

Organizado pola Concellaría de Acción Cultural a través do Auditorio de Galicia, o ciclo conta coa colaboración da Universidade de Santiago, o Museo do Pobo Galego, NUMAX, Carmen Díaz Estilista e Órganos de Galicia.

Concertos

A organista e cimbalista Corina Marti abre a axenda de concertos desta sexta edición o martes 24 ás 20.30 horas na igrexa de Santa Clara. Na compaña das voces de Ana María Fonseca e Maria Bayley e da arpa desta última, interpretará un repertorio concibido en exclusiva para o órgano histórico do convento, un dos máis antigos de Galicia. Nel escoitaremos pezas dos séculos XV e XVI procedentes de cancioneiros ibéricos e danzas arranxadas para órgano xa naquela época, xunto a composicións dos grandes organistas dos séculos  XVI e XVII.

O xoves 26, tamén ás 20.30 horas, o órgano da igrexa das Ánimas percutido por Marco Aurélio Brescia será o elemento condutor dun programa entre continentes que dá conta do frutífero encontro entre as músicas de ambas as dúas beiras do Atlántico. A voz e traverso de Diana Baroni, a voz e frautas de Lorina Vallester, a guitarra e as percusións de Rafael Guel, o violín e a fídula de Roberto Santamarina, a voz de Belén Bermejo, o contrabaixo de José Manuel Díaz, e as frautas e vihuela de Andres Díaz acompañarán a interpretación ao órgano de Brescia nunha travesía por diversos estilos e influencias que van da música antiga ao jazz.

Fernando Buide pechará a axenda musical de agosto o martes 31 ás 20.30 horas cun concerto na igrexa de San Paio de Antealtarares. O laureado compositor, pianista e organista compostelán interpretará un repertorio que explora as frutíferas relacións tecidas entre o mundo organístico romano e o ibérico. O percorrido sonoro do concerto esténdese tamén a creacións actuais que exploran o peculiar universo sonoro do órgano barroco ibérico, o cal ten, no órgano de San Paio, un dos seus máis fascinantes expoñentes./p>

Xa o venres 3 de setembro, ás 20.30 horas, o compositor Rafa Fernández levará á igrexa da Universidade o seu traballo Eccos, un proxecto xerado especialmente para ese espazo no que se mestura ambient con base en pequenas estruturas harmónicas e melódicas, con videocreación ao vivo a partir de material analóxico. O programa explora a figura do órgano como instrumento e  seu papel como elemento integrador do conxunto arquitectónico no que se atopa. Con Rafa Fernández e Virxilio da Silvia na guitarra eléctrica, Juan Cañada, no contrabaixo, e Alejandro Salgueiro no órgano. 

Conversas, exposicións e cinema

O programa musical do ciclo vén arroupado por actividades diversas que buscan afondar no coñecemento do noso patrimonio instrumental.

Así, o mércores 25 de agosto, o organista, investigador e doutor en musicoloxía, Marco Aurélio Brescia conducirá a partir das 17.30 horas, no coro alto de San Domingos de Bonaval, unha conversa sobre o órgano colonial e as relacións musicais cos territorios alén mar. Ademais, Brescia interpretará ao clavicordio algunhas pezas representativas destes repertorios.

Esta sexta edición inclúe ademais dous concertos breves en horario de mañá para ampliar as oportunidades de coñecer os órganos que temos preto da man dos seus organistas. O primeiro deles será o sábado 28 de agosto ás 12.30 na Igrexa das Ánimas con María José Cerviño. O segundo será o mércores 1 de setembro ás 11.30 horas na Igrexa de San Francisco, co bo facer de David Maceira.  

A sexta edición do ciclo acode unha vez más ao encontro coa cidadanía a través das sesións "O órgano sae á rúa”. O venres 27 de agosto, o comercio Kookaï Naf-Naf, situado no número 20 da rúa Doutor Teixeiro, abeirará un encontro con Diana Baroni e Rafael Guel que nos achegará á cultura, á tradición e ao rico folclore das músicas latinas e amerindias. Comezará ás 19.30 h.

A sesión de cinema terá lugar o luns, 30 de agosto ás 19.30 horas. Dentro da sección “A pegada do órgano no cine”, a sala NUMAX proxectará Carnival of Souls, un filme de atmosfera fantasmal, dirixido por Herk Harvey en 1962, no que o órgano xoga un papel central. 

Finalmente, durante todo o período de programación, os escaparates de diferentes establecementos comerciais da cidade servirán de espazos expositivos para unha mostra fotográfica que traduce en imaxes a nosa riqueza organística.

Entradas

As entradas para actividades e concertos son de balde previa retirada dos convites que xa están dispoñibles na web compostelacultura.gal. ou na ZonaC. Punto de información Cultural de martes a sábado en horario de 11 a 14 horas.

A entrada para asistir á proxección na sala NUMAX ten un custo de 4 euros e pode ser adquirida no despacho de billetes do cinema ou en numax.org. 

Festival C 2021

Organizado pola Concellaría de Acción Cultural, coa xestión do Auditorio de Galicia e o apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago, o Festival C esténdese do 2 ao 31 de agosto por numerosos espazos da cidade e conta coa colaboración doutros programas e institucións como o circuíto Danza a Escena do INAEM ou o Instituto de Cultura Romanés.