Á venda as entradas para o concerto de Miguel Araújo en Compostela

O recoñecido compositor e intérprete portugués presentará en Santiago a súa nova xira, Passemos aos salões, un formato íntimo no que combina as súas cancións co relato das historias e inspiracións que as fixeron nacer.
O concerto será o 19 de decembro ás 20.00 horas no Teatro Principal e forma parte do ciclo Fiestra Aberta de Compostela Cultura
As entradas poden ser adquiridas de forma anticipada en compostelacultura.gal e na Zona C e, xa o día do concerto, no despacho de billetes do Teatro Principal dende as 19.00 horas
 

Compostela Cultura pon hoxe á venda as entradas para o concerto que Miguel Araújo ofrecerá o vindeiro 19 de decembro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, dentro do ciclo Fiestra Aberta. O músico portugués presentará en Santiago Passemos aos salões, unha proposta concibida para teatros e salas de pequeno formato na que se presenta só con voz e piano acústico, nun encontro íntimo co público que combina as súas cancións coas historias, os bastidores e as inspiracións que lles deron orixe.

Cantante, compositor, músico e letrista, Miguel Araújo é autor dalgúns dos maiores éxitos do século XXI en Portugal, entre eles Anda comigo ver os aviões, Os maridos das outras, Quem és tu miúda, Dona Laura, Balada Astral ou Pica do sete. Ao longo da súa traxectoria combinou a súa carreira en solitario coa banda Os Azeitonas, da que foi fundador, ao tempo que asinou cancións para algunhas das voces máis recoñecidas do panorama luso, como António Zambujo, Ana Moura, Carminho, Raquel Tavares ou Ana Bacalhau.

Desde a publicación do seu primeiro disco en solitario, 5 Dias e Meio (2012), Miguel Araújo consolidouse como un dos compositores máis prestixiosos do panorama musical portugués. Á súa traxectoria discográfica sumáronse títulos como Crónicas da Cidade Grande (2014), Giesta (2017), Peixe Azul (2021) e Chá Lá Lá (2022), traballos que lle valeron o recoñecemento da crítica e do público, nomeamentos aos Globos de Ouro, actuacións con entradas esgotadas nas principais salas do país e colaboracións con algúns dos artistas máis destacados da música portuguesa. Nos últimos anos celebrou os seus vinte anos de carreira con catro concertos completos na Super Bock Arena e na MEO Arena e coa publicación de Recantigas, un álbum no que vinte artistas portugueses reinterpretan outras tantas composicións da súa autoría, confirmando a influencia e a vixencia do seu cancioneiro.

A crítica especializada coincide en sinalar a súa capacidade para construír cancións memorables, cunha escrita que combina sensibilidade, humor e unha notable riqueza melódica. Publicacións como Expresso, Público, Time Out ou Jornal de Notícias sitúano entre os compositores máis relevantes da música portuguesa actual, mentres que figuras como Nuno Markl ou Samuel Úria destacaron o carácter excepcional do seu talento como creador.

O concerto do Teatro Principal permitirá ao público compostelán achegarse a un dos autores fundamentais da música portuguesa contemporánea, nun formato pensado para percorrer un cancioneiro que xa forma parte da banda sonora de varias xeracións.

As entradas, cun prezo de 12 euros, xa poden adquirirse a través de compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (aberto ata o venres 7 de agosto de 11 a 14 horas e a partir do 1 de setembro no horario habitual de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). De existir aínda localidades dispoñibles tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Teatro Principal o propio día do concerto unha hora antes do comezo do espectáculo. En todos os casos aplicaranse os descontos habituais de Compostela Cultura para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, persoas con discapacidade, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas. Recoméndase realizar a compra de entradas a través da web.

Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura e co apoio do Consorcio da Cidade, Fiestra Aberta é un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional.