A Real Filharmonía de Galicia reforza o seu compromiso co talento emerxente da composición

Durante esta semana terá lugar no Auditorio de Galicia o Obradoiro de Composición RFG / RESIS.LAB IV, unha iniciativa en colaboración co Festival RESIS

O director Armando Merino e o compositor José Manuel López López acompañan ás persoas participantes co obxectivo de afondar na escritura orquestral e impulsar as súas primeiras experiencias no ámbito sinfónico

O venres 8 de maio celebrarase un concerto de presentación ás 20:30 h, con entrada libre ata completar a capacidade

A Real Filharmonía de Galicia continúa desenvolvendo o seu labor de apoio ás novas xeracións de creadoras e creadores. Dentro da súa liña estratéxica, a institución promove iniciativas que buscan abrir o seu espazo ás compositoras e compositores que se atopan nos inicios da súa traxectoria profesional. Neste contexto, o Auditorio de Galicia acolle esta semana unha nova edición do Obradoiro de Composición RFG / RESIS.LAB IV, un espazo de creación, reflexión e experimentación musical.

Ao longo de cinco días, seis participantes de diferentes nacionalidades traballan no desenvolvemento das súas obras en estreita colaboración cunha orquestra profesional. Baixo a dirección de Armando Merino e coa orientación do compositor José Manuel López López, o obradoiro céntrase tanto nos aspectos formais da composición como na exploración de novas linguaxes musicais e posibilidades da escritura orquestral contemporánea. O proceso culminará o venres 8 de maio cun concerto aberto ao público no que se presentarán estas composicións inéditas.

Nesta ocasión, o público poderá escoitar as obras Pre-Fragments II de Arsen Babajanyan, Deixar ser al buit de Mar Caballer Llopis, Reactors de John Franek, Infinito de Maria Vicenza Cabizza, Ciudades/restos de piel, luz y otros ruidos de Humberto Díaz Galindo e Aleaciones de Andrés Poveda, todas elas interpretadas pola Real Filharmonía de Galicia.

Un director en ascenso
Armando Merino é unha das figuras emerxentes máis destacadas no ámbito da dirección orquestral contemporánea. Formado na Escola Superior de Música de Catalunya e no Conservatorio della Svizzera Italiana, desenvolveu unha sólida traxectoria internacional que o levou a colaborar con importantes formacións europeas, especialmente no repertorio dos séculos XX e XXI.

Fundador do conxunto diere/gelbe/klang, recoñecido co Bayerischer Kunstförderpreis, Merino traballa habitualmente con agrupacións especializadas en música contemporánea e participou en festivais de referencia como Wien Modern, Impuls ou Ultraschall Berlin. A súa actividade combina a dirección artística coa pedagóxica, colaborando con institucións académicas de prestixio.

Un referente da creación contemporánea
José Manuel López López é un dos compositores españois máis recoñecidos a nivel internacional. Cun catálogo que abrangue desde música de cámara ata grandes obras orquestrais e proxectos escénicos con tecnoloxía, a súa traxectoria foi distinguida co Premio Nacional de Música, entre outros galardóns.

A súa obra foi interpretada por destacadas formacións e solistas en Europa, Asia e América, e mantén unha intensa actividade docente en centros como a Universidade París 8 e o Conservatorio de París. A súa presenza neste obradoiro achega unha visión ampla e actual sobre a creación musical contemporánea.

Entrada libre
O concerto final terá lugar o venres 8 de maio ás 20:30h na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

A entrada será gratuíta ata completar a capacidade, ofrecendo ao público a oportunidade de descubrir en directo o talento das novas xeracións da composición orquestral.