A proxección de «Fai o que debas» trasládase á Casa das Máquinas

O pase do filme de Spike Lee enmarcado dentro do ciclo 'Cinema de rúa' do Festival C  muda de localización pola previsión de choiva

As portas da Casa das Máquinas abriranse ás 21.15 horas para dar cabida a esta sesión de cinema de autor que arrancará ás 21.45 h

As proxeccións do ciclo 'Cinema na rúa', organizado en colaboración con NUMAX, son de balde até completar capacidade

O ciclo de cinema do Festival C en colaboración con NUMAX continúa esta noite cun cambio de localización motivado pola previsión de choiva. A proxección do filme Fai o que debas, de Spike Lee terá lugar finalmente na Casa das Máquinas, situada na rúa Galeras, ás 21.45 horas. O público poderá acceder ao recinto dende as 21.15 horas e a asistencia é libre e de balde até completar capacidade. 

Fai o que debas (Do the right thing, 120 min, 1989, VOSE), é un filme de culto ddo cineasta Spike Lee que conta coas interpretacións destacadas de Rosie Perez, John Turturro, Samuel L. Jackson e Danny Aiello.

Ambientada nun barrio humilde de Brooklyn, a historia céntrase en Mookie, repartidor dunha pizzería italoamericana, e na convivencia tensa entre veciños afroamericanos, hispanos, vietnamitas e italianos. 

O filme debulla con intelixencia as friccións raciais que se intensifican co paso das horas nun día abafante de verán. Cunha posta en escena vibrante, Fai o que debas é un retrato brillante, crítico e cheo de enerxía sobre o racismo, a identidade e a responsabilidade social. Un clásico que segue interpelando o presente. 

O Festival C 

O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou Danza a Escena, do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). 

Até o 28 de agosto, a súa sexta edición leva a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán.

A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.