Danza, circo, maxia e cinema para despedir o Festival C

A compañía de danza Fran Sieira abre a axenda o luns 25 co proxecto Un baile ceibe en comunidade, que inclúe un obradoiro de movemento no Auditorio de Galicia e un espectáculo no cemiterio de Bonaval
O circo e o teatro de rúa gardan un lugar central da axenda cos obradoiros circenses no parque de Galeras da man de Circonove e coa representación de Olympics, de Yllana e Nacho Vilar Producciones, na praza da Quintana
As olladas de Agnès Vardá e Spike Lee conflúen no ciclo de cinema na rúa que se abre esta semana en colaboración con NUMAX
Organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, o Festival C conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como Apego ou Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM)
Todas as actividades son de balde até completar capacidade

A sexta edición do Festival C afronta a súa recta final cunha chea de actividades de balde para todos os públicos. 

O luns 25 de agosto, o cemiterio de Bonaval acolle Un baile ceibe en comunidade, unha proposta de danza contemporánea da Fran Sieira Compañía de Danza que parte do baile e da música tradicional galegas para reflexionar sobre o xénero e a súa presenza na nosa cultura. A peza afonda en como os estereotipos de xénero inflúen nas formas de bailar, de vestir e de entender o corpo dentro da tradición, e propón novas maneiras de relacionarse co movemento, desde perspectivas máis abertas e diversas.

Con dirección artística de Fran Sieira e Sergio R. Suárez, e interpretada por Adela Otero, Fran Sieira, Artur Puga e Patricia Sánchez, a proposta conta con música orixinal de MounQup e Carlos Quintá, e deseño de vestiario de Érica Oubiña. A asistencia ao espectáculo é libre e de balde. 

De forma previa, a compañía desenvolverá no Auditorio de Galicia un obradoiro de creación e investigación no que explorar os movementos propios do corpo a partir da tradición, cuestionando os estereotipos de xénero que adoitan estar presentes no baile tradicional. A través dunha práctica tanto individual como colectiva, nel búscase o afastamento deses clixés, crear distancia coa normatividade  e construír un movemento máis libre, consciente e respectuoso co corpo. A proposta formativa parte das metodoloxías empregadas no proceso de creación de Un baile ceibe en comunidade e no transcurso da xornada, as persoas participantes aprenderán tamén o material coreográfico necesario para integrarse na parte final do espectáculo. Alí, formarán parte dun grupo de corpos danzando ceibes, incorporándose á estrutura escénica da peza e vivindo unha experiencia artística compartida e transformadora.

Un baile ceibe en comunidade é unha invitación a compartir espazo, corpo e pensamento arredor do que somos, do que herdamos e do que queremos seguir construíndo.

Últimos obradoiro de circo no parque

Despedímonos do Festival C cos últimos Obradoiros de circo no parque de Circonove, unhas actividades que nos fixeron gozar das acrobacias, malabares e danzas propias do Novo Circo. O parque de Galeras converteuse durante todo o mes de agosto no espazo perfecto para desenvolver os obradoiros nun entorno cheo de natureza. 

Dúas sesións nesta última semana,  o luns 25 e o mércores 27, para poder experimentar, imaxinar e convivir, ao mesmo tempo que se fomentan valores como o respecto, a liberdade de expresión e o traballo en grupo. As prazas xa están esgotadas

 

Maxia no parque para público miúdo

O espectáculo Ledicias do Mago Paco pecha as sesións de contos do programa Apego no Festival C. Humor, maxia e ilusións encherán o parque de Bonaval cunha proposta que sorprende tanto a nenas e nenos como a persoas adultas. Un espectáculo que convida a rir, soñar e compartir. 

Pensado como un espectáculo para gozar en familia e reforzar os vínculos a través da lingua, Ledicias combina participación, xogos e moito enxeño nun ambiente desenfadado e divertido. Cun estilo próximo e cheo de complicidade co público, o Mago Paco consegue crear momentos únicos que permanecen na memoria.

Cinema ao aire libre

Nesta última semana, o Festival C abre un espazo para gozar do mellor cinema ao aire libre. O martes 26 de agosto, a rúa Concepción Arenal, que dá acceso á Sala NUMAX, acollerá ás 21.45 horas a proxección de Daguerrotipos (Daguerréotypes, 80 min, 1976, VOSE) de Agnès Vardá, unha película na que a directora francesa filma os comercios situados entre o número 70 e o número 90 da rúa Daguerre, no distrito 14º de París, onde ela vivía, nunha homenaxe sentida e carente de artificios á vida e ao traballo en comunidade. A cámara detense con tenrura no día a día do carniceiro, da panadeira ou do tendeiro do ultramarinos, construíndo unha homenaxe íntima e sen artificios ao traballo, á proximidade e ao espírito de comunidade. Un retrato humano e delicado que invita a mirar con outros ollos o que nos rodea.

O mércores 27, o cinema de Spike Lee toma a pantalla á mesma hora con Fai o que debas (Do the right thing, 120 min, 1989, VOSE), coas interpretacións destacadas de Rosie Perez, John Turturro, Samuel L. Jackson e Danny Aiello.

Ambientada nun barrio humilde de Brooklyn, a historia céntrase en Mookie, repartidor dunha pizzería italoamericana, e na convivencia tensa entre veciños afroamericanos, hispanos, vietnamitas e italianos. 

O filme debulla con intelixencia as friccións raciais que se intensifican co paso das horas nun día abafante de verán. Cunha posta en escena vibrante, Fai o que debas é un retrato brillante, crítico e cheo de enerxía sobre o racismo, a identidade e a responsabilidade social. Un clásico que segue interpelando o presente. 

A escolla de filmes establece, así, un diálogo entre realidades urbanas protagonizadas polas historias de barrio, a identidade colectiva e as relación humanas.  Ambas as sesións son de acceso libre até completar as cadeiras dispoñibles e, en caso de choiva, a proxección trasladarase á Casa das Máquinas.

Teatro de rúa na praza da Quintana

O xoves 28 de agosto, a praza da Quintana convértese nun estadio moi particular con Olympics, un espectáculo itinerante e interactivo creado por Yllana e producido por Nacho Vilar Producciones.

Catro atletas que quedaron ás portas dos Xogos Olímpicos deciden organizar a súa propia competición, dando lugar a un desfile de probas tolas, situacións absurdas e moita comedia física. Un xogo escénico cheo de ritmo, humor e participación, pensado para divertir a toda a familia.

Con dirección artística de César Maroto e David Ottone, e as interpretacións de Sergio Alarcón, Elia Estrada, David Terol e Emmanuel Vizcaíno, Olympics convida a rir, xogar e celebrar o espírito deportivo… á súa maneira.

O Festival C 

O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou Danza a Escena, do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). 

Até o 28 de agosto, a súa sexta edición levará a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán.

A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.