

O Festival C programa os mércores 6, 13 e 20 de agosto no paseo da Ferradura da Alameda compostelá tres sesións para gozar da tradición oral galega nas voces das cantareiras de Ultreia, Brincadeira e Cantigas e Agarimos.
Organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, o Festival C conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como Apego ou Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM)
Entre as coplas compiladas por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina no Cancioneiro Popular Galego atópase unha que canta: “Por qué non cantades nenas/ por qué non cantades todas/ unhas porque non saben/ outras porque son señoras. Cantade nenas cantade/ qu’o voso cantar me aleghra/s’o voso cantar non fora/eu non ‘staba nesta terra”. Estes versos, acubillados e transmitidos de xeración en xeración por labregas galegas como Esclavitud –de quen Schubarth e Santamarina os recolleron–, serven de inspiración ao ciclo Por que non cantades todas?, co que o Festival C rende homenaxe á poesía popular galega e ás voces das mulleres que a transmitiron e preservan.
No paseo da Ferradura da Alameda compostelá, onde se cruzan as olladas das esculturas de Federico García Lorca e Rosalía de Castro, ábrese os mércores de agosto un espazo para a reivindicación destas coplas portadoras de historia e identidade cultural, que soarán nas voces das cantareiras de parte dos colectivos tradicionais máis importantes do país.
Cantareiras de Ultreia
As de Ultreia serán as encargadas de abrir o ciclo o mércores 6, ás 20.00 horas cun repertorio que incide no papel fundamental da muller na cultura tradicional e na sociedade actual, co desafío aos estereotipos que historicamente atribuían determinados instrumentos a homes ou a mulleres. A súa actuación inclúe pezas interpretadas con pandeiretas ou outros instrumentos tradicionalmente femininos, pero tamén cantos acompañados de gaita, acordeón e outros elementos da música galega. A través desta mestura, procúrase contribuír a unha transformación social que afaste os prexuízos de xénero da nosa cultura.
Cantareiras de Brincadeira
A posta en valor do rol das mulleres no desenvolvemento e preservación da poesía e a expresión musical galegas continúa o mércores 13 de agosto, tamén ás 20.00 horas, coas voces de Brincadeira, que farán ecoar as palabras das avoas, as melodías dos traballos do campo e os sons das festas populares. A súa interpretación convértese nun acto de resistencia e dignidade, facendo visible un legado que durante moito tempo foi silenciado e infravalorado.
Cantareiras de Cantigas e Agarimos
O ciclo concluirá o mércores 20 de agosto coas voces de Cantigas e Agarimos que nos farán gozar dun repertorio tradicional recollido de todas as zonas de Galicia, empregando instrumentos populares como pandeiretas, pandeiros cadrados e redondos, latas ou cunchas. A súa proposta é, ao tempo, celebración e responsabilidade: dar continuidade a unha cultura que nos define como pobo e que foi transmitida xeración tras xeración grazas ao saber e á creatividade das mulleres.
Todas as actuacións deste ciclo que honra a tradición, a memoria e os versos da nosa terra son de acceso libre.
O Festival C
O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou Danza a Escena, do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).
Do 4 ao 28 de agosto, a súa sexta edición levará a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán.
Todas as actividades son de carácter gratuíto e acceso libre agás os obradoiros de circo para a rapazada que, malia ser tamén de balde, precisarán inscrición previa no enderezo circonoveoficina@gmail.com para garantir que non se superan as prazas dispoñibles en cada sesión. Cada grupo está limitado a 25 participantes e para inscribirse cómpre indicar no texto nome completo e idade da/o solicitante e datos e teléfono do contacto da persoa adulta ao cargo.
A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura