FESTIVAL C · POR QUE NON CANTADES TODAS? · ULTREIA

DATOS BÁSICOS

FESTIVAL C · LETRAS · POESÍA AO SOLPOR

POR QUE NON CANTADES TODAS?

Cantareiras de Ultreia

No noso país, a tradición oral transmítese e cántase en feminino. Son as mulleres quen conservan a maior parte dos cantos e bailes que forman parte da nosa herdanza cultural. Mulleres que, despois de longas xornadas de traballo no campo, facían festa coas súas voces e instrumentos. A comezos do século XX, a nosa cultura musical dividíase entre instrumentos considerados masculinos e femininos. Estes últimos, tidos por "menores" —como a pandeireta, os pandeiros, as cunchas ou a percusión miúda— estaban intimamente ligados á expresión musical das mulleres.

Este espectáculo rende homenaxe a esas mulleres que, con xenerosidade, abrían as portas das súas casas a quen se achegaba con vontade de aprender e coñecer máis da nosa tradición. Ao tempo, pon en valor o papel fundamental da muller non só na cultura tradicional, senón tamén na sociedade actual, desafiando os estereotipos que historicamente atribuían determinados instrumentos a homes ou a mulleres.

Por iso, non só inclúe pezas interpretadas con pandeiretas ou outros instrumentos tradicionalmente femininos, senón tamén cantos acompañados de gaita, acordeón e outros elementos da música galega. A través desta mestura, procúrase contribuír a unha transformación social que afaste os prexuízos de xénero da nosa cultura.

 

Duración: 
60 min (aprox.)
Acceso: 
  • Acceso libre e de balde
Info práctica: 
Mércores, 6 Agosto, 2025
20:00
Alameda