O xornalista Omar Khan impartirá un obradoiro gratuíto de crítica da danza ao abeiro das actividades da Noite do Patrimonio

Este obradoiro en liña está aberto a residentes das 15 cidades españolas Patrimonio da Humanidade, entre as que se atopa Santiago de Compostela

As solicitudes de participación deben enviarse antes do 6 de setembro a danza@susyq.es

O vindeiro 18 de setembro, Santiago de Compostela sumarase á celebración da Noite do Patrimonio, unha iniciativa do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España (UNESCO) que, de maneira simultánea, presenta espectáculos de danza contemporánea en cada unha das quince cidades desta rede da que tamén forman parte Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Con motivo deste evento, o xornalista Omar Khan, especializado en crítica de danza e cinema que colabora habitualmente en xornais como El País ou Público, e director da revista de danza susyQ, ofrecerá un obradoiro en liña de escrita que permitirá ás persoas participantes elaborar unha crítica de danza do espectáculo que se presente nas súas cidades, a partir das ferramentas ofrecidas e seguindo criterios xornalísticos. A este taller, que será de balde, poderán presentarse profesionais e estudantes de xornalismo e danza, persoas dedicadas á coreografía, á docencia, á escrita, e á arte ou simplemente con interese pola escritura de textos sobre danza, sempre que residan nalgunha destas quince cidades patrimoniais. 

Baixo o título “Escribir a danza”, o obradoiro componse de tres reunións virtuais (o 16, 17 e o 22 de setembro de 18 a 19.30 h) nas que se ofrecerán os criterios para realizar unha crítica de danza contemporánea. As persoas inscritas deberán asistir á representación do ciclo Escena Patrimonio na súa cidade o 18 de setembro, que en Compostela correrá ao cargo da bailaora Rocío Molina, co espectáculo IMPULSO hacia Vuelta a Uno. Seguidamente, cada participante deberá escribir unha crítica que será comentada na seguinte das reunións virtuais, revisar o seu texto segundo as observacións recibidas, e envialo de novo para a súa publicación nos portais da revista susyQ e de Escena Patrimonio. 

As persoas interesadas en participar deben remitir antes do 6 de setembro un correo electrónico co asunto “QUIERO PARTICIPAR” no que fagan constar os seus datos, a cidade na que residen e unha breve descrición das razóns do seu interese, ao enderezo electrónico danza@susyq.es. As aceptacións serán comunicadas polo mesmo medio e os textos publicaranse o 27 de setembro. 

Nos próximos días anunciarase o calendario completo de actividades que Santiago de Compostela acollerá na Noite do Patrimonio.