Danza, conversas, visitas guiadas e audiovisual na Noite do Patrimonio dentro da Semana do Patrimonio Invisible

Esta fin de semana continúa a programación da Semana do Patrimonio Invisible, un ciclo programado pola Área de Acción Cultural do Concello de Compostela, coa colaboración da Deputación da Coruña, que abre as portas de tesouros, habitualmente fechadas, e deseña unhas visitas guiadas de pequenos grupos para que os seus usuarios garden na memoria unha experiencia cultural única. Dentro desta semana celébrase a Noite de Patrimonio, unha actividade conxunta de todas as cidades españolas que obtiveron o distintivo de Patrimonio Mundial da UNESCO. Actualmente 15 núcleos históricos forman parte desta rede que durante o ano 2018 celebra o seu 25 aniversario de creación. Danza, conversas, visitas guiadas e audiovisual confirman a programación deste evento que se celebra o sábado 15 desde as 19.30 h en diferentes espazos da cidade.

A Noite do Patrimonio, simultánea en todas as Cidades Patrimonio

Este evento celébrase de xeito simultáneo en todas as Cidades Patrimonio do estado español. En Compostela, a partir das 19.30 h darán comezo as CONVERSAS NO CLAUSTRO, no Claustro Procesional de san Martiño Pinario, onde a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o creador e intérprete Daniel Abreu dialogarán baixo a atenta mirada do claustro procesional máis importante da cidade. Abreu, Premio Nacional de Danza na categoría de Creación, no ano 2014, relatará as claves da súa experiencia en relación á danza en espazos patrimoniais nun formato restrinxido e informal. Xa ás 21.00 h e na praza da Quintana a súa compañía de danza presentaranos ‘Más o menos inquietos’.

Tamén na Quintana, antes do espectáculo de Danza, ás 20.45 h poderemos asistir á proxección de ‘Laberintos Líricos’, un proxecto de Boamistura para Cidades Patrimonio. O programa desta Noite do Patrimonio complétase con dúas visitas guiadas ás 21.00 h a san Martiño Pinario e o Parador-Hostal dos Reis Católicos e outra ás 22.30 h a San Martiño Pinario de novo.

Semana do Patrimonio Invisible, ata o martes 18

A Semana do Patrimonio invisible continuará de novo o domingo prolongándose ata o martes 18 con visitas guiadas diarias a diversos espazos da cidade: o cemiterio de Boisaca, o Psiquiátrico de Conxo, o Pazo de Ramirás-Colexio dos Irlandeses, o Pazo de Raxoi, o de San Lourezo, o Hostal dos Reis Católicos ou san Agustín. As prazas para todas as visitas guiadas están xa completas.

MÁIS INFORMACIÓN

Compostela garda nas súas rúas, prazas e edificios un legado histórico e artístico como poucas cidades no mundo poden presumir. Porén non toda esta herdanza monumental de séculos pode ser visitada durante o ano.

A Semana do Patrimonio Invisible é un ciclo programado pola Área de Cultura do Concello de Compostela, coa colaboración da Deputación da Coruña, que abre as portas de tesouros, habitualmente fechadas, e deseña unhas visitas guiadas de pequenos grupos para que os seus usuarios garden na memoria unha experiencia cultural única.