

Germán Sierra abre a xornada no ambigú e o Teatro Principal acolle a entrega dos Premios Respira! antes do recital de Faia, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico
O Festival Alguén que Respira! desenvolve este venres 20 de marzo unha das súas xornadas máis completas, na que convivirán reflexión, creación emerxente e propostas escénicas singulares, consolidando o seu carácter como espazo de encontro arredor da palabra poética.
A mañá comezará ás 12.00 horas no ambigú do Teatro Principal cun novo Cita no ambigú, protagonizado polo escritor e neurocientífico Germán Sierra. Baixo o título Neurociencia e literatura, a sesión abordará as relacións entre o cerebro, a memoria e a escrita, nunha conversa aberta que conecta coñecemento científico e creación literaria.
Xa pola tarde, o festival poñerá o foco nas novas xeracións coa celebración de Letras novas, unha sesión que incluirá a entrega dos Premios Respira! de poesía para estudantes e a lectura dos traballos gañadores, que terá lugar ás 20.00 horas no Teatro Principal. Os galardóns recoñecen o talento creativo en diferentes etapas formativas e nesta edición, dedicada á memoria, foron concedidos por unanimidade do xurado.
No apartado universitario, o premio recaeu en Mario Elías Blanco Boullosa, estudante da Universidade de Santiago de Compostela, polo poema Onte fomos nenos e xa non, dotado con 600 euros. Na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de 1º grao, a gañadora foi Mencía Rodríguez Lorenzo, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, co poema Non me lembro de nada (400 euros). Pola súa parte, Lucía Gaute Fernández, estudante de 3º da ESO no IES San Rosendo de Mondoñedo, obtivo o galardón na súa categoría co poema A memoria (300 euros). Finalmente, no apartado de Primaria, o premio foi para Carme Fernández del Castillo, alumna do CEIP Apóstolo Santiago de Compostela, por Sitcht (200 euros), que recibirá tamén unha peza da artesá galega Sesé Vila como lembranza.
A xornada culminará ás 20.30 horas cunha das propostas máis especiais do festival: un recital que reúne a Faia, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico, catro figuras destacadas da música galega que se deixan atraer pola gravitación da poesía nun encontro artístico único. A sesión propón unha experiencia escénica irrepetible na que a música e a palabra dialogan e se transforman mutuamente.
Con esta programación, o Respira! reafirma o seu compromiso coa creación contemporánea e coa promoción das novas voces, ao tempo que continúa a explorar as múltiples formas nas que a poesía pode habitar o presente.