

A Orquestra Galega de Liberación estará acompañada nesta intervención das persoas participantes nos obradoiros de iniciación ao soundpainting e de profesionais desta disciplina
O concerto arrancará ás 19.00 horas no edificio da rúa das Galeras e o acceso é libre e de balde ata completar capacidade
O programa da xornada inclúe ademais unha última sesión formativa na Sede da SGAE, que pon o peche a catro días de intercambio artístico arredor desta linguaxe escénica para a composición en vivo
O II Encontro Internacional Soundpainting Compostela afronta este venres a súa última xornada cun programa que combina formación e exhibición pública para porlle o ramo a catro días de creación, aprendizaxe e experimentación artística en Santiago de Compostela.
Durante a mañá, a Sede da SGAE acollerá das 10.30 ás 13.30 horas a derradeira sesión dos obradoiros internacionais, nos que medio cento de persoas procedentes de diferentes disciplinas artísticas tiveron a oportunidade de iniciarse ou afondar no soundpainting, unha linguaxe de composición en tempo real baseada na comunicación xestual entre quen dirixe e quen interpreta. O equipo docente contou con Eric Chapelle, Johan Sabbe, Angélique Cormier e Xacobe Martínez Antelo.
O encontro concluirá ás 19.00 horas na Casa das Máquinas cun concerto de acceso libre ata completar a capacidade. A cita permitirá ao público descubrir de primeira man o potencial creativo desta ferramenta artística a través dunha mostra na que as participantes nos obradoiros compartirán escenario con soundpainters internacionais e coa Orquestra Galega de Liberación.
A actuación ofrecerá unha experiencia irrepetible, construída en directo, na que música, movemento, voz e acción escénica se artellarán a partir das indicacións das directoras e directores, facendo visible un proceso creativo no que a improvisación e a escoita ocupan un lugar central.
Promovido pola Orquestra Galega de Liberación, co apoio do Concello de Santiago, a USC, a SGAE e coa colaboración de Casa das Crechas, Borriquita de Belém e Café Camalea, o II Encontro Internacional de Soundpainting consolídase como un espazo de encontro entre artistas, profesionais e público interesado nas novas linguaxes da creación contemporánea, reforzando a aposta de Compostela pola innovación cultural e pola formación artística internacional.