Santiago de Compostela volve converterse nun punto de encontro para a creación en tempo real coa celebración do II Encontro Internacional de Soundpainting Compostela, unha cita que reunirá artistas, creadoras e público arredor dunha das linguaxes máis innovadoras da creación contemporánea.
Impulsado pola Orquestra Galega de Liberación, co apoio do Concello de Santiago, a USC e a SGAE, o encontro desenvólvese do 7 ao 10 de xullo cun programa que combina formación, concertos e accións performativas, abrindo as portas do soundpainting tanto a profesionais como a persoas que desexen achegarse por primeira vez a esta disciplina.
O soundpainting é unha linguaxe xestual creada polo compositor estadounidense Walter Thompson que permite dirixir composicións en directo mediante máis de 1.500 signos codificados. Música, danza, teatro, poesía, artes visuais e performance conviven nun proceso de creación colectiva no que a improvisación, a escoita e a colaboración son as protagonistas. O corazón do encontro son os obradoiros gratuítos, que se desenvolven os días 8, 9 e 10 de xullo, de 10.30 a 13.30 horas, na Sede da SGAE de Santiago. Os talleres están impartidos por Eric Chapelle, Johan Sabbe, Angélique Cormier e Xacobe Martínez Antelo, referentes internacionais do soundpainting.
A programación complétase cunha serie de concertos abertos ao público. Os días 7, 8 e 9 de xullo, a Agora Guerrilla actuará ás 21.00 horas na Casa das Crechas, Borriquita de Belém e Café Camalea, respectivamente. Como peche do encontro, o 10 de xullo ás 19.00 horas, a Orquestra Galega de Liberación ofrecerá un concerto na Casa das Máquinas xunto ás persoas participantes nos obradoiros, nunha mostra final do traballo desenvolvido ao longo da semana.