O Festival C pecha a súa segunda edición con máis de 50 espectáculos e case 2.000 asistentes

A programación incluíu funcións de teatro e danza, obradoiros de circo, proxeccións de cinema na rúa, itinerarios e laboratorios de creación sonora, concertos, exposicións, recitais de poesía, conversas e videomapp

 

O Festival C despide o mes de agosto con grandes datos de espectáculos e público. Malia que as condicións meteorolóxicas obrigaron a suspender algúns dos eventos programados nas súas semanas de arranque e peche, arredor de dúas mil persoas asistiron ás 54 actividades que si puideron celebrarse sen incidencias do 2 ao 31 de agosto. 

 

A edición de 2021 caracterizouse pola diversidade de propostas culturais ao aire libre, e pola especial atención prestada á experimentación artística e á fusión entre disciplinas. Espectáculos de danza, teatro, circo, poesía, música e cinema, obradoiros circenses e sesións de contos para a rapazada, ademais de itinerarios e paseos culturais, exposicións e vídeomappings conformaron unha programación que se estendeu polas rúas e prazas do casco histórico e os parques da Alameda, Bonaval e Vista Alegre, e que buscou tamén o acubillo do Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a Zona C, o Centro Xove da Almáciga, e o CGAC, alén das igrexas de San Paio de Antealtares, das Ánimas, de San Francisco, e de San Domingos de Bonaval ademais doutros espazos como a sala NUMAX ou o centro de Carmen Díaz Estilista -Kookaï- Naf Naf.

 

O festival volveu acoller a programación do ciclo De Lugares e Órganos, que esgotou localidades aos poucos días de se poñeren a disposición do público, e tamén integrou novas iniciativas como a residencia colectiva de experimentación sonora Colapsoloxías. Ao seu abeiro, viron a luz novos ciclos como “Poemas no estío”, unha sucesión de diálogos entre poesía, música, movemento e cerámica que integrou tamén a arquitectura e a beleza de espazos como a Zona C, ou os valos e a escalinata do paseo da Ferradura na Alameda. No mesmo parque iniciouse un ciclo de proxeccións que nos achegou os filmes máis recentes da Nova Ola do Cinema Romanés, e a Bonaval volveron outras iniciativas como os contos no parque para público familiar promovidos polo programa Apego. 

De balde pero con necesidade reserva previa, as actividades contaron con aforamentos reducidos, tanto no interior coma no exterior, para garantir as medidas de distanciamento interpersoais obrigatorias e transcorreron con normalidade e seguridade tanto para as persoas asistentes como para o persoal técnico e artístico participantes. 

Compostela Cultura retoma agora a programación regular cun intenso calendario de actividades que se anunciarán nos próximos días.