

O certame diríxese a creadoras e creadores menores de 40 anos, que naceran ou residan en Galicia, e admite obras orixinais e inéditas en calquera técnica ou soporte presentadas por artistas individiduais ou en colectivo · As bases da convocatoria xa están dispoñibles no portal compostelacultura.gal e as solicitudes deberán ser rexistradas a través da Sede Electrónica do Auditorio de Galicia (sede.compostelacultura.gal) · O prazo de presentación de propostas iniciarase ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOP e rematará o 5 de setembro de 2025
O Auditorio de Galicia abre a convocatoria da décimo cuarta edición do seu Premio para Artistas Noveis, unha iniciativa da Concellaría de Capital Cultural destinada a apoiar a creación artística emerxente, fomentar o talento galego e difundir a arte contemporánea no ámbito autonómico.
Este certame diríxese a artistas menores de 40 anos (até o 31 de decembro de 2025) que naceran ou residan en Galicia e cuxa traxectoria profesional non estea consolidada. A participación no certame pode ser de carácter individual ou como colectivo, sempre e cando todas as persoas integrantes cumpran cos citados requisitos de participación.
A convocatoria admite obras inéditas e orixinais de calquera técnica ou soporte (pintura, escultura, fotografía, vídeo, instalación...), cunha única proposta por participante que pode ser obra única ou seriada.
O xurado, composto por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da arte contemporánea, será o encargado de seleccionar as obras finalistas e outorgar os seguintes premios: un primeiro galardón de 6.000 euros, un segundo de 3.000 euros e un terceiro de 2.000 euros. Nesta décimo cuarta edición, conforman o xurado Susana Cendán Caaveiro, investigadora e docente en Belas Artes da Universidade de Vigo, alén de curadora independente; Rosendo Cid, artista, curador independente e escritor; Susana González, directora do centro de arte e da colección da Fundación María José Jove; e Juan Luis Toboso Galindo, investigador, docente e curador independente; alén dunha persoa en representación da Concellaría de Capital Cultural e doutra en representación da dirección-xerencia do Auditorio que exercerá as funcións de secretaría con voz pero sen voto.
Entre os criterios para a selección das obras teranse en conta a innovación e a contribución da obra á escena actual da arte, a calidade artística das pezas, a claridade na explicación achegada e a coherencia co discurso conceptual enunciado e a viabilidade e adecuación da proposta aos recursos da institución. Todas as obras finalistas formarán parte dunha exposición colectiva que terá lugar nas instalacións do Auditorio de Galicia no último trimestre de 2025.
O Premio Auditorio de Galicia consolídase, ano tras ano, como un referente no impulso da arte nova e un espazo de visibilidade para as xeracións máis novas de artistas galegas e galegos. O seu obxectivo principal é contribuír ao enriquecemento do patrimonio cultural galego e impulsar novas voces na escena artística actual.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente a través da sede electrónica do Auditorio de Galicia (sede.compostelacultura.gal). O prazo de envío de propostas comezará o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e permanecerá aberto ata o venres 5 de setembro de 2025 ás 23:59 h. Non se admitirán solicitudes fóra de prazo ou por outras vías.
Toda a información relativa á convocatoria, incluídas as bases completas e os requisitos de participación, está dispoñible na páxina web www.compostelacultura.gal e tamén pode solicitarse no correo electrónico exposicions@auditoriodegalicia.org ou no teléfono 981 552 290.