

A chamada diríxese a persoas creadoras e comisarias menores de 35 anos nacidas/os ou residentes en Galicia, que se poden presentar individualmente ou en colectivo
Seleccionaranse ata catro propostas que se desenvolverán entre 2026 e 2027 no primeiro e segundo andar da Zona C
O Auditorio de Galicia acaba de abrir unha nova convocatoria pública para a selección de proxectos de creación artística e comisariado que formarán parte da programación da Zona C durante os anos 2026 e 2027. A iniciativa busca impulsar a arte emerxente galega e achegar á cidadanía propostas contemporáneas, consolidando este espazo como un lugar de experimentación, visibilización e reflexión crítica arredor da creación actual
A convocatoria está dirixida a artistas e comisarias/os —de maneira individual ou colectiva— que naceran ou residan en Galicia e que teñan menos de 35 anos no momento de presentar a solicitude. Cada participante poderá presentar un único proxecto, que deberá destacar pola súa calidade e viabilidade, así como pola súa capacidade de diálogo co espazo patrimonial da Zona C.
As propostas poderán concorrer en dúas modalidades: proxectos de creación artística e proxectos de comisariado. O Auditorio de Galicia seleccionará ata un máximo de catro iniciativas —tres de creación e unha de comisariado— que se desenvolverán nos espazos expositivos do primeiro e segundo andar da Zona C. Cada proxecto contará cunha dotación económica de 4.000 euros no caso da creación artística e de 6.000 euros para o comisariado, incluíndo todos os custos asociados á súa execución.
A valoración das propostas atenderá principalmente á súa calidade e coherencia, á viabilidade no espazo expositivo e á súa conexión coas correntes contemporáneas, así como ás posibles actividades de mediación asociadas. As intervencións seleccionadas deberán adaptarse ao calendario de programación do Auditorio de Galicia, que establecerá as datas en coordinación coas persoas participantes
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente a través da sede electrónica do Auditorio de Galicia (sede.compostelacultura.gal), mediante solicitude xeral, indicando a modalidade correspondente. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no taboleiro de anuncios do Auditorio de Galicia.
Toda a información detallada sobre as bases, así como os planos do espazo expositivo para a elaboración das propostas, pode consultarse en compostelacultura.gal ou a través do correo electrónico exposicions@auditoriodegalicia.org.