

Baixo o título “Servas de Deus, donas de si”, os itinerarios desta edición afondan nas historias das mulleres que habitaron os conventos de clausura composteláns e pon o foco na súa resistencia e no poder que exercían tamén extra muros
A participación é de balde previa inscrición, que poderá ser realizada a partir do vindeiro luns, 13 de outubro, ás 12.00 horas na web de Compostela Cultura
As actividades do Patrimonio C até o final de ano gardan aínda lugar para a Semana do Patrimonio Invisible, que se desenvolverá entre o 1 e o 5 de decembro para conmemorar o 40 aniversario da declaración da cidade como Patrimonio da Humanidade
Compostela Cultura continúa a espallar no tempo e no espazo as actividades encamiñadas a difundir e reivindicar elementos destacados da historia e a memoria da cidade. Durante os meses de outubro, novembro e decembro volven os Itinerarios Patrimonio C, unha serie de rutas temáticas guiadas e de balde coas que descubrir elementos e espazos patrimoniais pouco coñecidos de Compostela, alén das vivencias, relatos e persoas que os poboaron.
Baixo o título “Servas de Deus, donas de si”, a proposta desta edición céntrase nas historias das mulleres que habitaron os conventos de clausura composteláns. Trátase dun percorrido que vai máis alá da visión romántica ou piadosa da clausura para achegarse a un relato de poder, resistencia e protagonismo feminino.
Abadesas e prioresas, moitas delas pertencentes á nobreza, gobernaban comunidades complexas e autosuficientes, xestionaban patrimonios e propiedades de gran envergadura e mesmo se implicaban en conflitos políticos e sociais que transcenderon os muros conventuais.
Para afondar na súa historia e nos espazos que habitaban, as visitas terán lugar os mércores ás 19.00 horas, cunha duración aproximada de 90 minutos. Están programadas para os días 15 e 29 de outubro, 12 e 26 de novembro e 10 e 17 de decembro. O prazo de inscrición para todas elas abrirá o luns 13 de outubro ás 12.00 horas na web de Compostela Cultura, e tanto a confirmación da praza como o punto de encontro comunicarase ás persoas inscritas por correo electrónico.
En decembro, Semana do Patrimonio Invisible
Os itinerarios forman parte da programación anual de difusión do Patrimonio impulsada polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura e co apoio da Deputación da Coruña. Esta programación culminará coa celebración da Semana do Patrimonio Invisible, que se desenvolverá entre o 1 e o 5 de decembro. Nesta ocasión, a cita faise coincidir coa conmemoración 40 aniversario da declaración de Santiago de Compostela como Cidade Patrimonio da Humanidade, un fito que reforza o valor universal da nosa cidade e do seu legado histórico.