ITINERARIOS PATRIMONIO C
Compostela Cultura continúa a espallar no tempo e no espazo as actividades encamiñadas a difundir e reivindicar elementos destacados da historia e a memoria da cidade. Durante os meses de outubro, novembro e decembro volven os Itinerarios Patrimonio C, unha serie de rutas temáticas guiadas e de balde coas que descubrir elementos e espazos patrimoniais pouco coñecidos de Compostela, alén das vivencias, relatos e persoas que os poboaron. As visitas serán os mércores, a partir das 19.00 horas, teñen unha duración estimada de 90 minutos e as prazas dispoñibles serán asignadas por orde de inscrición.
“Servas de Deus, donas de si” é un itinerario no que coñeceremos as historias das mulleres que viviron tralas reixas dos conventos de clausura composteláns. Non é só un percorrido polos silenciosos claustros, senón unha inmersión en fascinantes historias de poder e resistencia.
Fóra da imaxe romántica da clausura como unha prisión piadosa; tralos muros e reixas, moitas destas monxas—procedentes a miúdo de poderosas familias da nobreza—erixiron verdadeiros centros de poder. Aquí, as abadesas e prioresas non só gobernaban comunidades complexas e autosuficientes (xestionando vastos patrimonios e propiedades), senón que tamén se involucraban en conflitos políticos e sociais que transcendían as súas paredes.
Datas:
- Outubro: 15 e 29
- Novembro: 12 e 26
- Decembro: 10 e 17
O prazo de inscrición para os itinerarios abrirá o luns 13 de outubro ás 12.00 horas. Tanto a confirmación da praza como o punto de saída de cada ruta será comunicado ás persoas inscritas a través de correo electrónico.
INSCRICIÓNS (a partir do luns 13 ás 12.00 h)