A mostra Ollos de vidro encara o final do período expositivo con visitas guiadas, faladoiros e sesións de narración oral

A exposición, comisariada por Germán Labrador Méndez co acompañamento de María Bella, continúa aberta até o 25 de maio na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia · O faladoiro ‘Conxo, capital mundial da movida mental’ reúne este sábado no Auditorio á xornalista Montse Fajardo, os artistas Kukas e Antonio Nodar e ao propio Labrador nun encontro para reflexionar sobre a incidencia do Hospital Psiquiátrico da historia social e política de Compostela · O programa de visitas guiadas á mostra segue aberto previa inscrición até o 23 de maio e haberá un novo percorrido guiado e de acceso libre por María Bella e Germán Labrador o sábado 24 de maio · Os contadores Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín pecharán o programa de actividades complementarias o domingo 25 de maio cunha lectura libre de ‘Un ollo de vidro’ na Sala Mozart do Auditorio
 

A Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolle até o 25 de maio a mostra Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia, unha exposición comisariada por Germán Labrador Méndez co acompañamento de María Bella que fía unhas 300 pezas artísticas e documentos elaborados por preto dun cento de creadoras e creadores para propor un relato diferente da historia do país. 

Nesta fase final dun período expositivo que arrancou no mes de febreiro, a mostra acompáñanse dun feixe de actividades complementarias para afondar nas diversas olladas creativas que conflúen nesta proposta e no texto de Castelao que serviu metáfora-detonante para esta suma de “ollos de vidro” cos que dar a ver o que permanece oculto ou ás marxes, discursos e formas culturais invisibilizadas e silenciadas. O obxectivo é mover ao pensamento sobre o canon representativo, a construción do imaxinario, as formas culturais ausentes e os motivos que levaron a ocultalas.

Con esta premisa, o sábado 10 de maio, ás 12.00 horas, a Sala Circular do Auditorio de Galicia dará abeiro ao faladoiro Conxo, capital mundial da movida mental, un encontro coa xornalista Montse Fajardo, o creador multidisciplinar Marcelino de Santiago ‘Kukas’, o fotógrafo Antonio Nodar e o comisario da mostra, Germán Labrador, para propor unha reflexión colectiva sobre a importancia Hospital Psiquiátrico de Conxo como espazo clave para entender as violencias sociais e os soños truncados da modernidade galega. Da súa orixe relixiosa e privada á experiencia de crítica institucional dos anos setenta, a conversa abordará a memoria dos seus habitantes, as iniciativas desenvolvidas por un grupo de médicos progresistas para democratizar a vida e os traballos do centro, coa complicidade de internas, traballadoras e veciñanza; a arte como ferramenta de resistencia e as conexións internacionais da chamada “movida mental” de Conxo, conectada coas correntes artísticas, coa psiquiatría alternativa e coas loitas políticas revolucionarias. O encontro rematará cun percorrido guiado pola exposición da man dos participantes.

Non será esta a última oportunidade de tomar parte nun itinerario comentado pola mostra. Até o 23 de maio continúa aberto o programa de visitas guiadas para público xeral á exposición, con prazas aínda dispoñibles para  o percorrido que conducirá o historiador da arte e investigador Xosé Antón Serén o venres 16 e o venres 23 de maio ás 18.00 horas. Os centros de ensino tamén están aínda a tempo de concertar visitas guiadas para o estudantado, desta volta ao cargo dos xestores culturais Xiana Iglesias e Óscar Senra, nas mañás do xoves 15, o venres 16, o xoves 22 e o venres 23 de maio. En todos os casos as solicitudes deben ser realizadas a través dos formularios dispoñibles en compostelacultura.gal. Alén destes itinerarios de balde previa inscrición, o sábado 24 de maio, as 12.00 horas, aínda haberá ocasión de participar nun percorrido pola mostra da man de Germán Labrador e María Bella, desta volta aberto ao público até completar capacidade e sen necesidade de reserva.

E xa o domingo 25 de maio, tamén ás 12.00 horas, Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín levarán ao escenario da Sala Mozart do Auditorio unha lectura libre de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao. Humor e agudeza da man de dous artistas da arte de narrar para dar vida a ese volume que inspirou o tecido dunha mostra coa que ver máis alá do evidente. A asistencia é de balde previa retirada de convites na web de Compostela Cultura ou no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural.