UN OLLO DE VIDRO · MEMORIAS DUN ESQUELETE
SESIÓN CONTADA CON QUICO CADAVAL E CELSO F. SANMARTÍN
A mostra Ollos de Vidro. As formas doutra historia de Galicia conclúe o seu período expositivo cunha actividade que transcende o recinto de exhibición para dar vida ás palabras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao sobre o escenario. Dous contadores excepcionais, Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín toman a Sala Mozart do Auditorio para agasallarnos cunha contada libre de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete.
"En 1922 Castelao publicou na editorial Céltiga unha obra de espírito teatral e carácter humorístico que falaba das relacións entre os mortos e os vivos na cultura galega. Era Un ollo de vidro, un conto sobre a perspectiva, sobre a posibilidade de habitar a vida desde a conciencia, contemplando a historia política contemporánea en directo e cruzando, con elegancia, a liña entre a ficción e a realidade, entre o rural e o urbano, entre a poética e a política. No conto, unha prótese ocular de cristal –daquela unha rechamante novidade comercial– permitía maxicamente que vivos e mortos se mirasen. Así, artistas e literatos, figurativamente, viraban tamén eles «fabricantes de ollos»
Con estas liñas, o comisario da mostra, Germán Labrador introduce unha exposición que herda a ollada incisiva e a fonda capacidade crítica latente no humor de Castelao, para tecer un percorrido alternativo pola historia de Galicia a través das artes. Como parte dun xogo creativo a cabalo entre disciplinas, dese cruzamento de ollares chega agora esta proposta que devolve a mirada ao ámbito literario da man de dous narradores, tamén ben provistos de capacidade humorística e de mirada crítica, que fan seu o relato nunha sesión contada con total liberdade.
O acceso é libre previa retirada de convites (máx. 2 por persoa).
Quico Cadaval, actor, director, escritor e adaptador teatral, é unha das voces máis recoñecibles e recoñecidas da narración oral galega e portuguesa, un contista autodidacta que espallou alén fronteiras a arte de relatar en galego. En 2011 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas.
Celso Fernandez Sanmartín é tamén narrador oral, etnógrafo e poeta de longa traxectoria no asociativo e na acción sociocultural. Recibiu en 2022 o Premio Rebulir da Cultura Galega.