A mostra Ollos de vidro bota o peche este domingo co humor e a narración de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín

Até o 25 de maio aínda se poderá visitar na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia esta exposición comisariada por Germán Labrador Méndez co acompañamento da investigadora María Bella que, na véspera da clausura conducirán o derradeiro percorrido guiado á exposición con acceso libre
Na xornada de clausura, os contadores Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín levarán ao escenario da Sala Mozart unha lectura libre de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao, nunha sesión de balde previa retirada de convites

A Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia acolle até o 25 de maio a mostra Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia, unha exposición comisariada por Germán Labrador Méndez co acompañamento de María Bella, que fía unhas 300 pezas e documentos elaborados por preto dun cento de creadoras e creadores para propor un relato diferente da historia do país. 

Mesmo nesta fase final do período expositivo que arrancou no mes de xaneiro, a mostra segue a arrouparse de actividades coas que afondar nas diversas olladas creativas que conflúen nesta proposta e no texto de Castelao que serviu de metáfora-detonante para unha suma de “ollos de vidro” cos que dar a ver o que permanece oculto ou ás marxes, discursos e formas culturais invisibilizadas e silenciadas. 

O sábado 24 de maio ás 12.00 horas realizarase a derradeira visita guiada pola mostra da man de Germán Labrador e María Bella, desta volta aberta ao público até completar capacidade e sen necesidade de reserva. Labrador e Bella darán conta do tecido desta exposición que achega unha reflexión crítica sobre a Galicia actual, coas formas que retratan e denuncian a gravidade da crise ecolóxica e a persistencia de estruturas coloniais extractivas.

E xa o domingo 25 de maio, tamén ás 12.00 horas, Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín levarán ao escenario da Sala Mozart do Auditorio de Galicia unha lectura libre de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao. Humor e agudeza da man de dous artistas da arte de narrar para dar vida a ese volume que inspirou o articulado dunha mostra coa que ver máis alá do evidente. A asistencia é de balde previa retirada de convites na web de Compostela Cultura ou no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural.