José Sacristán volve ao Auditorio de Galicia con ‘El hijo de la cómica’, un retrato íntimo de Fernando Fernán-Gómez

O actor protagoniza e dirixe esta homenaxe escénica ao escritor, intérprete e cineasta, un relato de memoria e vocación teatral construído a partir da súa autobiografía El tiempo amarillo.

O actor José Sacristán presenta en Santiago de Compostela El hijo de la cómica, unha peza teatral na que rende homenaxe ao seu amigo e referente artístico Fernando Fernán-Gómez, unha das figuras imprescindibles da cultura española do século XX. A representación terá lugar o sábado 7 de marzo ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, dentro da programación de artes escénicas de Compostela Cultura e hai tempo que esgotou as localidades dispoñibles. 

Producida por Pentación Espectáculos, a obra toma como punto de partida o libro autobiográfico El tiempo amarillo para reconstruír, desde a memoria e a emoción, os primeiros anos de vida de Fernán-Gómez. O espectáculo percorre a súa infancia, adolescencia e primeiros anos de mocidade, evocando as figuras que marcaron a súa vida —especialmente a súa nai, a actriz Carola Fernán-Gómez, e a súa avoa— e o contexto histórico e social da España do seu tempo.

Sobre o escenario, Sacristán constrúe un relato teatral que mestura lembranza persoal e historia colectiva, interpretando múltiples voces e personaxes que atravesan a biografía do autor. A través da palabra, a memoria e a evocación, a proposta convértese nunha celebración da vida e do teatro, así como nunha reflexión sobre as raíces e sobre o oficio do actor.

Tal e como explica o propio Sacristán, o espectáculo nace da emoción de escoitar as historias do seu amigo: un conxunto de lembranzas nas que conviven voces familiares, episodios da infancia e referencias literarias que conforman o universo vital de Fernán-Gómez. “Voces nunha soa voz”, resume o actor, que convida o público a compartir esa mesma emoción coa que el escoitaba aqueles relatos.