

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá este xoves 13, ás 17.30 horas, un encontro aberto ao público entre o músico e produtor vasco e o comisario da exposición ‘Ollos de Vidro. As formas doutra historia de Galicia’ · A asistencia é de balde previa retirada de convites na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural.
A mostra Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia amplía o seu impacto máis aló do espazo expositivo cunha serie de actividades complementarias que ofrecen novas óticas dende as que (re)interpretar a realidade, a historia e os relatos que se fan delas.
No marco destas accións, e como parte do programa de mediación de Compostela Cultura no ámbito das Artes Visuais, ábrese un faladoiro especial entre o músico e produtor vasco Fermin Muguruza e o comisario da exposición, Germán Labrador Méndez, que terá lugar este xoves, día 13 de marzo, ás 17.30 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.
Aproveitando a visita de Fermin Muguruza a Compostela dentro da xira coa que conmemora os seus 40 anos de carreira, e baixo o título Nejro is beltza, o encontro abordará o poder dos artefactos culturais para percorrer e cuestionar o relato histórico, achegando unha visión crítica e enriquecedora sobre as relacións entre a contracultura e memoria colectiva.
A asistencia ao evento é de balde, previa retirada anticipada de convites na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C. En caso de existir localidades dispoñibles, tamén se poderán retirar no despacho de billetes do Auditorio o propio xoves a partir das 16.30 horas.
Unha exposición para dar a ver outras historias posibles
A mostra Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia ofrece un compendio de máis de 300 pezas elaboradas por preto dun cento de creadoras e creadores que permiten percorrer a historia galega a partir das artes. O “ollo de vidro” de Castelao, artefacto vangardista para esculcar máis alá da apariencia e do superficial, serve de metáfora e de detonante para o tecido dun regueiro de creacións que como lentes de aumento dan a ver o que permanecía oculto ou ás marxes, discursos e formas culturais invisibilizadas e silenciadas. E así, convidan a reflexionar sobre o canon representativo, a construción do imaxinario, as formas culturais ausentes e os motivos que levaron a ocultalas. Situada na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, a exposición pode ser visitada de balde até o 25 de maio, de luns a domingo e en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.