

Do xoves 20 ao sábado 22 de marzo, o VIII Festival de Poesía para Corpo Principal congrega no Teatro Principal máis de corenta poetas, músicos e performers nun intenso programa de recitais, conversas e espectáculos interdisciplinarios
O escritor, crítico e docente Xosé María Álvarez Cáccamo asina este ano o Manifesto Galego para o Día Mundial da Poesía que fará ecoar á tardiña dende o balcón do Teatro
O primeiro recital de Poesía para corpo principal reúne as voces de Samer Abu Hawwash, Toni Juncosa, Ailbhe ní Ghearbhuigh, Juanpe Sánchez López e Nieves Neira Roca
O festival Alguén que Respira! inaugura este xoves a súa oitava edición cunha programación que afonda nas relacións entre poesía e vida. Do 20 ao 22 de marzo, o Teatro Principal de Compostela converterase no epicentro da poesía, cunha oferta diversa que reúne máis de corenta poetas, músicos e performers. Dirixido por Antón Lopo e organizado polo Concello de Santiago co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, o certame abeira numerosos encontros, conversas, recitais e espectáculos interdisciplinarios de balde para conmemorar o Día Mundial da Poesía.
Poesía, vida e exilio: primeiros diálogos do festival
A programación comeza o xoves 20 de marzo ás 12.00 horas coa sección Cita no ambigú, unha sesión de acceso libre até completar capacidade que convida a compartir un café, unha conversa e moitas ideas. Os poetas palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari abordarán a súa experiencia de vida e de escrita poética en situación de exilio. Ambos naceron nos campos de refuxiados palestinos en Siria e residen actualmente en Barcelona, onde continúan desenvolvendo o seu traballo literario. Bitari, ademais, traduciu a obra de Sammer ao catalán, o que engade unha dimensión especial á súa conversa sobre identidade e creación poética.
Un manifesto para celebrar a poesía
O poeta, crítico e docente galego Xosé María Álvarez Cáccamo é o encargado este ano de escribir o manifesto galego do Día Mundial da Poesía que, en sintonía co lema desta oitava edición do festival, leva por título ‘Poesía/vida’. Ás 18.30 horas lerá dende o balcón do Teatro un texto, apaixonado e comprometido, que reivindica o papel da poesía fronte á inxustiza e a violencia global: “Fronte ao dominio da vulgaridade reaccionaria, o terror de estado, o crime de lesa humanidade, a inxustiza universal e a violencia imperialista, a Poesía ergue unha vontade firme de vida xusta, libre e igualitaria, de intelixencia construtiva e fraternal. O poema é un instrumento de resistencia activa contra o fascismo”.
A vida entre poetas
A seguir, ás 19.00 h, arrancará xa no interior do Teatro a primeira sesión dunha das grandes novidades da edición. A sección O que mutuo somos esculcará as formas onde a poesía comparte teito coa vida da man tres parellas de artistas nun formato limitado a un público cincuenta persoas, reunidas dentro do escenario do Teatro Principal co pano baixo. A primeira delas é a conformada por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, cuxa obra se cruza continuamente co seu activismo ou cos proxectos de difusión literaria, en liñas paralelas que –como indica o propio Rodríguez Fer– afondan na temática vital, erótica e libertaria. Os convites para esta primeira sesión de vida e poesía en común xa están esgotados.
Un recital inaugural arredor das linguas e a identidade
A partir das 20.30 horas, o festival celebrará o seu recital inaugural, que constitúe unha das citas máis esperadas da programación. Nesta primeira sesión de Poesía para corpo principal reúnense poetas de ámbitos lingüísticos dispares que teñen en común a busca da harmonía melódica e o discurso político identitario
Entre os protagonistas destaca a poeta irlandesa Ailbhe Ní Ghearbhuigh, unha das voces máis admiradas da lírica en gaélico. A súa traxectoria está avalada por recoñecementos como o premio Michael Hartnett (2019) e o premio Lawrence O’Shaughnessy (2020), ademais de publicacións de referencia como The Coast Road ou Tonn Teaspaigh agus Dánta Eile. Xunto a ela, compartirán escenario outras destacadas figuras da poesía actual, como Samer Abu Hawwash un poeta, e novelista, editor e tradutor palestino, autor de once volumes de poesía que arrancaron con Life is printed in New York (1997). Alén de poeta, é tamén un prolífico tradutor de ficción e non ficción en inglés, con destacadas traducións de obras de William Faulkner, J. G. Ballard, Sylvia Plath, Charles Bukowski ou Jack Kerouac, entre outras moitas. Outra das voces da noite é a do escritor e investigador alacantino Juanpe Sánchez López, autor de Desde las gradas (Letraversal, 2021), Superemocional. Unha defensa do amor (2023) ou Un despropósito (2024), e responsable de edicións como Estrellas vivas. Antología de poesía cursi (2024), que realizou en colaboración con Berta García Faet. No recital tomará parte tamén o catalán Toni Juncosa, poeta, tradutor e profesor de literatura. Na actualidade investigador Juan de la Cierva na Universidade Pompeu Fabra, Juncosa impartiu e organizou cursos e eventos de poesía e recitou a súa obra a nivel internacional. O seu poemario El tel de l'elegia gañou o IX premio Francesc Garriga (2024). Finalmente, a xornalista e poeta galega Nieves Neira Roca completa o ronsel de voces deste primeiro recital. Seu é o poemario Neve de agosto (2022), que centra o cuarto número da revista Urania de Euseino? Editores. É coautora do libro O feitizo de Maruja Roca (2020), que levou ao escenario da man de Cristina Domínguez con música de Pablo Sanmamed. Estreita colaboradora da Fundación Uxío Novoneyra, escribiu a súa tese doutoramento no ámbito da Teoría Literaria sobre este autor. Tamén participa do Espaço Llansol, en Lisboa, autora da que coeditou a obra Fulgor. Lectura danzada de Maria Gabriela Llansol (2019), coa asociación 3monos. O seu labor xornalístico valeulle o premio Johán Carballeira.
Con esta primeira xornada, Alguén que Respira! reafirma o seu compromiso coa poesía como espazo de encontro, resistencia e creación. Da súa man, Compostela converterase unha vez máis nun escenario aberto á palabra poética, á reflexión e á emoción compartida. Todas as actividades son de balde previa retirada anticipada de convites na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C, e o día de cada evento no do propio Teatro Principal.