Curtocircuíto reinvéntase e explora as profundidades oceánicas

Do 1 ao 6 de outubro, a 21ª edición do festival manterá a súa aposta pola diversidade de ollares en máis de corenta obras procedentes de 16 países e preto dun 66% de filmes asinados por cineastas mulleres

Os abismos mariños protagonizan a imaxe e as temáticas desta nova edición que trae á superficie o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais

O Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outras entidades, da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebra a súa vixésimo primeira edición cunha programación competitiva que conxuga o compromiso coa igualdade cunha ampla representación internacional.
Entre o 1 e o 6 de outubro de 2024, a cidadanía compostelá e as e os amantes do cinema poderán gozar dunha selección de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres seccións: Cosmos, Planeta GZ e Supernova. Deses títulos, 27 están dirixidos por mulleres, o 65’8% do total —15 de 25 en Cosmos, 6 de 9 en Planeta GZ, 6 de 7 en Supernova—, un dato que pon de manifesto a aposta de Curtocircuíto pola mirada feminina na súa programación. Presentarán as súas novas obras cineastas como Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger.

Organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), co apoio da Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), entre outras entidades, este festival de programación permeable que desborda a sala de cine con AV, conferencias, performances ou mesas redondas, dedica a imaxe da nova edición ás ‘profundidades oceánicas’. O cartel de Curtocircuíto 2024, obra de Iñaki López, componse de catro imaxes de abismos mariños que reflicten o espírito inquedo e inmersivo dun evento sempre atento a descubrir e mostrar o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais. Como novidade este ano, esta idea central non se cinguirá á campaña visual, senón que atravesará gran parte da nosa programación. Diferentes propostas afondarán en conceptos como a profundidade, a auga, a escuridade ou o silencio. Perspectivas que van dende a bioloxía ou a ecoloxía ata o pensamento abstracto ou a poesía, levarán o público dende o litoral á alta mar, e mergullarano na zona abisal até chegar á zona hadal. 

Nesta nova edición, a maior parte das actividades de Curtocircuíto desenvolveranse en dúas salas da capital galega —o Teatro Principal e a Sala Capitol— ás que se suman o Auditorio Abanca e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.


25 filmes de 16 países en Cosmos
Na súa segunda edición, a Sección Oficial de Curtocircuíto volve recoller a vontade de romper as barreiras entre os xéneros cinematográficos e a procedencia das películas para poñelas a dialogar sen limitacións. Cosmos é unha aposta porque o cine narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros retos da nosa sociedade teñan un espazo para a súa visibilización e a súa reflexión.
Nesta ocasión, a sección propón unha heterodoxa selección de filmes que abrangue dende cinema narrativo até pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos. Confórmana 25 filmes de 16 países como Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán, Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur, Andorra ou España.
O risco e a innovación marcan as obras que se poderán ver en Curtocircuíto, onde atopamos propostas de ficción —Radikals, Across the Waters, Circle, Hymn of the Plague/Gimn Chume, Lemon Tree, Mother is a Natural Sinner, La Fille qui explose—, documental —Las novias del sur, Krutxalteatik Uronarat, Frialdad, Exit Through the Cuckoo’s Nest — e, especialmente, ensaio —Bliss Point, For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World, The Sunset Special 2, The Vertigo of the Ways of Seeing, Terminal Island, Crushed, Into the Magnetic Fields, Moon v. State, City of Poets, Arbor Labor, Ulía, It Will Be Better Before, Few Can See, The Electric Kiss—.  A relación completa de filmes confórmana:
  • Bliss Point | Gerard Ortin. 2023. España
  • Aquí estoy sentado en una lata volando por encima del mundo | Gala Hernandez. 2024. España
  • The Sunset Special 2 | Nicolas Gebbe. 2024. Alemaña
  • El vértigo de las distintas maneras de ver | Daniel Pitarch. 2024. España
  • Terminal Island | Sam Drake. 2024. Estados Unidos
  • Crushed | Camille Vigny. 2024. Bélxica
  • Into the Magnetic Fields | Sandra Schäfer. 2024. Alemaña
  • Moon v. State | James N. Kienitz Wilkins. 2024. Estados Unidos
  • Radikals |  Arvin Belarmino. 2024.  Filipinas, Estados Unidos, Bangladesh, Francia
  • Across the Waters | Viv Li. 2024. Francia
  • City of Poets | Sara Rajaei. 2024. Países Baixos
  • Circle | Joung Yumi. 2024. Corea do Sur
  • Las novias del sur |  Elena López Riera. 2024. Suíza, España
  • Gimn Chume | Ataka51. 2024. Alemaña, Rusia
  • Arbor Labor |  Stefanie Weberhofer. 2024. Austria
  • Ulía |  Laura Moreno Bueno. 2024. España
  • Lemon Tree |  Rachel Walden. 2023. Estados Unidos
  • It Will Be Better Before |  Keto Kipiani. 2024. Xeorxia
  • Few Can See |  Frank Sweeney. 2023. Irlanda
  • The Electric Kiss |  Rainer Kohlberger. 2024.  Austria, Alemaña
  • Mother is a Natural Sinner | Boris Hadžija,  Hoda Taheri.  2024. Alemaña, Irán
  • Krutxalteatik Uronarat | Marina Lameiro. Pueblo de Uztárroz. 2024. España
  • Frialdad | Andrea Sánchez. 2023. España, Andorra
  • La Fille qui explose | Caroline Poggi, Jonathan Vinel. 2024. Francia
  • Exit Through the Cuckoo’s Nest | Nikola Ilić. 2024. Suíza

A heteroxeneidade da escena galega, en Planeta GZ
Un ano máis, Planeta GZ celebra o cine galego proxectando películas dirixidas polas e polos cineastas máis singulares do país. Na edición de 2024 preséntanse nove películas, a maioría dirixidas por mulleres, que exploran diversas facetas da paisaxe rural a través do xénero documental. 
Esta selección convida a percorrer un camiño que se esvaece baixo un ceo crepuscular, todo envolto nunha beleza e nunha case inevitable nostalxia. Cada película ofrece unha visión íntima dun ser humano que, ás veces, atopa o seu reflexo no territorio, como en Humedalia e Queimar cando morra; outras veces transítao na procura dun cambio de morada, como en Corre o Vento, Pechar caixas abrir caixas e Patios de luz; e que outras abre portas cara verdadeiros refuxios da alma, como no caso de Exposed). A medida que se avanza entre enredos, na escuridade, como en A Blurred Photograph is a Space for a Memory Proposal , é a memoria a que se converte nun faro e nos guía por ese camiño escuro cara algunha aldea afastada. Nesta sección atópanse as seguintes pezas:

  • Exposed | Nela Fraga. 2024
  • Pechar caixas abrir caixas | Hugo Amoedo. 2024
  • Queimar cando morra | Inés Pintor. 2024
  • A Blurred Photograph is a Space for a Memory Proposal | Sabela Eiriz. 2024
  • Corre o vento | Paula Fuentes e Guillermo Cabrera. 2024
  • Patios de luz | Fran Rodriguez Casal. 2024
  • Humedalia | Irene Saenz Carballeira. 2024
  • O patio | Ariadna Cordal García. 2024
  • Histeria do meu pequeno mundo | Pablo Fontenla. 2024

Cine emerxente galego en Supernova
Como un fío de auga que agroma e busca o seu curso, cada unha das sete pezas que conforman esta sección, con estilos e formatos propios—documental, ficción e experimental—serve de canle para a procura da propia identidade. El cuerpo que existe más que yo sae de noite, mentres que durante o día as raíces familiares se manifestan en Muiño D’abaixo e Pura. Río abaixo, obras como A mirada delas e .JPEG sacian a sede de curiosidade a través de diversas formas artísticas, mentres que outras, menos convencionais, como May You Live To See The Dawn, achegan a súa singularidade. Estes caudais entrelázanse, creando un remuíño de cine novo e predominantemente feminino, que en si mesmo reflicte unha promesa cinematográfica. Integran a sección os seguintes filmes:

  • Muiño d’Abaixo | Cris Souto. 2024
  • .jpeg | Anxo González Álvarez. 2024
  • A mirada delas | Clara Maseda da Veiga. 2024
  • May You Live To See The Dawn | Patricia Lleras, Ramón Martínez. 2024
  • El cuerpo que existe más que yo | Elena Mato. 2024
  • Pura | Carmen Méndez. 2024
  • Desencanto: ás veces síntome o puto amo, pero hoxe só me sinto un puto :( | Víctor Soho. 2024

Premios e xurado

O xurado da Sección Oficial Cosmos estará composto por cinco persoas con diversos perfís: o comisario e docente  Guilherme Blanc, director do Centro Batalha de Porto; o curador e programador Peter Taylor, director do Berwick Film Festival; a antropóloga social, investigadora e escritora Valeria Mata; a periodista Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine; e Caroline Maleville, programadora da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. 
As películas programadas compiten polos seguintes galardóns: o Premio Cosmos á mellor película, dotado con 4.000 €: o Premio Cosmos á mellor película innovadora, cunha dotación de 2.000 €; o Premio Cosmos á mellor película española, que outorga á proposta á gañadora 1.000 € de dotación, outros 1.000 € en aluguer de material de rodaxe patrocinado por RC Service e a cualificación dos Premios Goya da Academia das Artes e das Ciencias Audiovisuais de España; o Premio Galiza, dotado con 2.000 € e o Premio Supernova, sen dotación e patrocinado por Galicia Calidade. Ademais, outorgaranse varios premios concedidos por xurados especiais: como o Premio do Público e o Premio Cátedra Cruz Vermella da USC, dotados cada un deles con 1.500 €, o Premio do Xurado Novo, cunha dotación de 1.000 € e o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Galicia Film Commission, Turismo de Santiago e galardoado cun curso de formación para as persoas integrantes do equipo de traballo na Escola Unitaria.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.
 

MÁIS INFORMACIÓN

Máis información en www.curtocircuito.org