

O Colectivo DeXeito faise o vindeiro luns co espazo de danza do cemiterio de Bonaval para presentar o espectáculo 77.000
Fran Rei e Feli Rodríguez convidan o martes 19 a un menú cheo de música en directo, maxia, humor e moita participación do público en Máis Saaabor!
As Cantareiras de Cantigas e Agarimos póñenlle o ramo ao ciclo Por que non cantades todas? o mércores 20 na Alameda, nunha reivindicación da poesía popular galega e das mulleres que a portaron nas súas voces ao longo dos tempos
A compañía circense Orain Bi recala na Quintana cun espectáculo, Mute, que celebra o cambio e Circonove retoma a escola de circo no parque de Galeras cun feixe de obradoiros para a cativada ao longo da semana.
Todas as actividades son de balde até completar capacidade
A cidade prepárase para vivir unha nova semana cargada de actividade cultural coa programación do Festival C, que entre o 18 e o 24 de agosto traerá a Compostela propostas para todos os públicos e en múltiples espazos da cidade. Circo contemporáneo, danza con memoria, música con humor e tradición oral en feminino conforman unha oferta diversa e gratuíta para gozar en familia, en grupo ou en solitario.

Obradoiros con Circonove no parque de Galeras
As mañás do luns 18, martes 19, mércores 20 e venres 22 estarán protagonizadas polos Obradoiros de circo no parque, unha proposta lúdica e formativa dirixida á cativada de 3 a 14 anos (de 3 a 5 no caso do martes 19). De balde pero con prazas limitadas (previa inscrición), os obradoiros ofrecerán a partir das 11.30 horas actividades de acrobacia, clown, danza e malabares en pleno parque de Galeras, dinamizando o espazo natural coas linguaxes do Novo Circo. O lugar de encontro da comitiva circense será a Casa das Máquinas.

(FOTO: Nicolás Yazigi)
“77.000”, unha homenaxe dende a danza á memoria colectiva
O mesmo luns 18 de agosto ás 20.00 h, o cemiterio de Bonaval converterase en escenario para 77.000, do Colectivo DeXeito. Esta peza de danza contemporánea rememora o desastre do Prestige e a resposta solidaria do pobo galego. Creada por Pablo Vázquez e Saray Amorín, esta intensa coreografía é un ritual escénico de memoria e resistencia.

“Máis Saaabor!”: música, maxia e diversidade para toda a familia
O martes 19 ás 18.00 h, a zona dos arcos do parque de Bonaval acollerá Máis Saaabor!, un espectáculo participativo cheo de música en directo, maxia e humor da man de Fran Rei e Feli Rodríguez. Esta proposta, incluída no Programa Apego, está pensada para público familiar e mestura gastronomía, teatro e música nunha divertida viaxe polos sabores do mundo.

Cantareiras de Cantigas e Agarimos
A forza das voces femininas con Cantigas e Agarimos
O mércores 20 ás 20.00 h, no paseo da Ferradura da Alameda, as cantareiras de Cantigas e Agarimos toman o relevo no ciclo Por que non cantades todas?, unha homenaxe viva á tradición oral galega. O espectáculo reúne once mulleres que interpretan cantos tradicionais de distintas partes de Galicia, nun tributo ás transmisoras anónimas da nosa identidade oral.

(FOTO: Jone Novo)
“MUTE”, o circo como catalizador para abrazar o cambio
O xoves 21 de agosto chega ao Festival C un dos pratos fortes da semana: MUTE, da compañía Orain Bi, unha peza de circo contemporáneo dirixida por Coral Graciani e Kike Aguilera, e interpretada por Rodrigo Lacasa e Sara Álvarez. Recoñecida co Premio ao Mellor Espectáculo de Euskadi 2022 e Mención de Honra na Feira Ibérica de Teatro de Fudao 2024, MUTE explora o paso do tempo, a transformación e o reencontro a través dunha posta en escena cargada de poesía, humor e emoción. Será ás 20.00 horas na praza da Quintana.

O Festival C
O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou Danza a Escena, do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).
Até o 28 de agosto, a súa sexta edición levará a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán.
Todas as actividades son de carácter gratuíto e acceso libre agás os obradoiros de circo para a rapazada que, malia ser tamén de balde, precisarán inscrición previa no enderezo circonoveoficina@gmail.com para garantir que non se superan as prazas dispoñibles en cada sesión. Cada grupo está limitado a 25 participantes e para inscribirse cómpre indicar no texto nome completo e idade da/o solicitante e datos e teléfono do contacto da persoa adulta ao cargo.
A información ao detalle de todas as propostas que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.