Compostela Cultura pon esta semana o foco na danza con espectáculos e actividades formativas

A bailarina e docente Laura Kumin imparte o venres 23 de maio no Teatro Principal unha sesión formativa cara á análise de espectáculos de danza que forma parte do plan formativo desenvolvido polo programa Danza a Escena do INAEM 
O sábado 24 de maio, a Sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá o laboratorio ‘Mover e facer’, no que a bailarina e coreógrafa Janet Novás compartirá as prácticas desenvolvidas ao longo da súa traxectoria.
A axenda do mes de maio arredor da danza complétase coa presentación do espectáculo ‘PROTO (SN1806)’, que forma tamén parte do foco que Compostela Cultura lle dedida a Janet Novás
 

A programación de Compostela Cultura inclúe no mes de maio diversas actividades formativas arredor da danza dirixidas a profesionais e público xeral.

A primeira delas terá lugar o venres 23 de maio ás 18.30 horas no ambigú do Teatro Principal da man da bailarina e docente Laura Kumin. No marco do plan Itinerarios en movemento do circuíto Danza a Escena do INAEM, imparte un obradoiro no que desentrañar os elementos estilísticos, coreográficos e conceptuais da danza, promovendo desta maneira a comprensión profunda da creación artística para afondar na análise crítica de calquera obra de baile contemporáneo. O obxectivo desta actividade é enriquecer o coñecemento sobre a historia da danza, visibilizar as sinerxías entre diferentes estilos, e crear espazos de diálogo e debate que fomenten o pensamento crítico, alén de colaborar coa comunidade abrindo as artes do movemento á cidadanía, reunir axentes do sector e contribuír a sensibilizar o público cara á danza contemporánea.

A bailarina e docente Laura Kumin imparte o obradoiro Itinerarios do Movemento no Teatro Principal.

Laura Kumin, formada como bailarina e docente nos Estados Unidos, foi asesora de danza da Comunidad de Madrid entre 1989 e 1995 e responsable de programación de danza do Teatro Pradillo de 1997 a 2011. Dirixe o Certamen Coreográfico de Madrid dende 1987, é socia fundadora da rede europea Aerowavese e académica da Academia de Artes Escénicas de España.

Itinerarios en movemento é un plan formativo sobre a danza co que a Comisión de Ballet, Danza e Artes del Movimiento da Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública quere complementar as accións de conmemoración do 15 Aniversario do circuíto Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). Este plan facilita ferramentas e materiais ás persoas encargadas da programación de entidades asociadas á Rede coas que poder complementar a exhibición escénica e contribuír ao labor educativo dos espazos e festivais de titularidade pública.

A participación no obradoiro é de balde, previa inscrición no formulario dispoñible na web compostelacultura.gal. O prazo para se facer coas poucas prazas aínda dispoñibles permanecerá aberto até o 22 de maio. 

Foco Janet Novás

Imaxe do espectáculo PROTO (SN1806)(FOTO: Virginia Rota)

A programación arredor da danza continúa cun foco específico centrado no labor da bailarina, performer, actriz e coreógrafa Janet Novás. O Teatro Principal acolle o mesmo día 23 de maio ás 20.30 horas PROTO (SN1806), espectáculo que é resultado dunha década de traballos de Novás caracterizados fundamentalmente pola súa relación co enerxético a partir do movemento, a música, a caixa escura, a iluminación e coa mirada do espectador. Todas estas relacións permitírona achegarse a un tipo específico de fisicalidade, de presenza corporal, un determinado tipo de imaxes e accións e unhas relacións específicas cos obxectos. Unha viaxe introspectiva que agora necesita expandirse e tomar outras formas máis aló do seu corpo. Novás dirixe esta peza con dramaturxia de Ricardo Santana e cun elenco confirmado por Yuantao Gorriz, Julia Kayser e Danielle Mesquita, coproducida pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego, Festival TNT e Auditorio de Tenerife, co apoio do Centro de Danza Canal, Losdedae e La Caldera. 

As entradas para o espectáculo (10€ con descontos do 50% para diferentes colectivos) poden ser adquiridas de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h). De quedaren aínda localidades vacantes, tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo dende unha hora antes do seu comezo. 

O Foco Janet Novás complétase co obradoiro Mover e facer, un laboratorio de movemento no que a artista comparte a práctica desenvolvida ao longo dos anos como bailarina e performer, baseada en creacións propias e colaboracións con disciplinas como a música, a moda ou o cinema.

Novás entende o corpo como un espazo arqueolóxico, cheo de capas que se poden descubrir a través do movemento. Dende esa concepción, propón un proceso de "escavación” física e simbólica guiado pola improvisación, onde se exploran materiais internos como ósos, fascias, emocións, imaxinarios ou sons. Tamén se traballa coa voz, a mirada, a pausa, a escoita e a conciencia dos corpos físico, enerxético, emocional e sonoro, co obxectivo de expandir as posibilidades do corpo como ferramenta expresiva e creadora.

As prazas para este laboratorio, tamén de acceso libre previa inscrición, están xa esgotadas.

Janet Novás é unha bailarina, creadora e docente galega que reside en Barcelona desde 2020. Formada en danza contemporánea entre Madrid, Bruxelas e Berlín, comezou a desenvolver os seus propios proxectos no ano 2008. O seu traballo nace da observación, da experiencia e do diálogo co corpo, apostando por unha linguaxe propia que combina contido emocional e unha estética depurada. As súas creacións presentáronse en festivais de prestixio como o Rencontres Chorégraphiques, Festival de Marseille, Escenas do Cambio ou o Festival Bad, e foi recoñecida con galardóns como o Premio ‘El Ojo Crítico’ de RNE (2021), o Premio de la Crítica de Cataluña (2021), por Mercedes e mais eu, ou o Injuve (2011) pola creación Cara Pintada.

Ademais de coreografiar e participar en proxectos escénicos, foi seleccionada para programas internacionais como o ChoreoRoam Europe e colaborou con artistas como Mercedes Peón ou o dúo de deseñadoras Zap&Buj. Dirixiu o movemento escénico de eventos como os Premios Max (2014) ou os Premios Mestre Mateo. Recentemente protagonizou o filme O Corno, de Jaione Camborda, polo que recibiu o Goya á mellor actriz revelación en 2024, e participou tamén como actriz en Los cantos de Ekai, de Afra Rigamonti. Novás compaxina a creación coa docencia, impartindo clases en centros de Europa, Latinoamérica e Asia.