

O festival inaugúrase cun relato sobre a infancia e a resistencia baixo o réxime de Sadam Husein
Joachim Trier, François Ozon, Harry Lighton e Sho Miyake protagonizan unha primeira fin de semana de grande altura cinematográfica
O portugués José Filipe Costa estará en Compostela para presentar Pai Nosso. Os últimos días de Salazar
O director palestino Kamal Aljafari recollerá o próximo martes o Premio Cineuropa
O festival Cineuropa inaugura este venres, 7 de novembro, ás 20.00 horas, a súa 39ª edición cunha gala no Teatro Principal que contará coas intervencións da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín Rei, da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e do director do festival, José Luis Losa, e coa presenza de representantes das Corporación municipal e das entidades colaboradoras.
A película de apertura será The President’s Cake (A torta do presidente), ópera prima do cineasta iraquí Hasan Hadi, gañadora da Cámara de Ouro á Mellor Ópera Prima e do Premio do Público na Quincena de Cineastas do Festival de Cannes 2025.
Ambientada no Iraq dos anos 90, The President’s Cake narra a odisea de Lamia, unha nena de nove anos que emprende unha arriscada misión para conseguir os ingredientes necesarios coa fin de preparar a obrigatoria torta de aniversario do presidente Sadam Husein. Acompañada do seu galo Hindi, Lamia deberá enfrontarse á escaseza, ao medo e á absurda burocracia dun sistema opresivo. O filme, coproducido entre Iraq, Estados Unidos e Qatar, combina lirismo e denuncia para ofrecer un retrato tan íntimo como universal da resistencia en tempos de totalitarismo.
O filme dá o pistoletazo de saída a 17 días de programación nos que o festival proxectará máis de 140 títulos, alén de promover numerosas actividades paralelas. Baixo o lema “Saír do outono e da clandestinidade”, Cineuropa 39 celebra o cinema como espazo de liberdade, reflexión e encontro.
Un arranque de festival cheo de nomes propios e cine premiado
Tras a gala inaugural, a programación da primeira fin de semana ofrecerá unha selección de títulos destacados da actual tempada internacional, entre eles Sentimental Value (Valor sentimental), o novo filme de Joachim Trier, Gran Premio do Xurado no Festival de Cannes 2025. O director noruegués —coñecido pola súa “Triloxía de Oslo” e pola aclamada A peor persoa do mundo— propón aquí un retrato íntimo sobre a familia, a arte e as feridas da herdanza emocional. Protagonizada por Renate Reinsve e Stellan Skarsgård, poderá verse o sábado 8 ás 19.15 horas e o domingo 9 ás 17.15 horas no Teatro Principal.
Outro dos grandes nomes desta fin de semana será François Ozon, que chega a Compostela con L’Étranger (O estranxeiro), unha reinterpretación contemporánea da novela de Albert Camus que participou na Sección Oficial de Venecia e na Sección Perlak do Festival de San Sebastián. O filme, protagonizado por Benjamin Voisin e Rebecca Marder, revisita o clásico existencialista desde unha sensibilidade moderna, coa elegancia e ambigüidade características do cineasta francés. As proxeccións terán lugar o domingo 9 ás 20.00 horas e o sábado 15 ás 17.45 horas no Teatro Principal.
Tamén nesta primeira fin de semana poderá verse Les gens d’à côté (A xente do lado), do veterano André Téchiné, unha historia sobre o desexo, o prexuízo e a empatía protagonizada por Isabelle Huppert e Nahuel Pérez Biscayart. Estreada na Berlinale 2025, a película confirma o estilo intimista e emocional do realizador francés, centrado nas zonas máis fráxiles da moral e da convivencia. Proxectarase o sábado 8 ás 17.15 horas no Teatro Principal e o domingo 9 ás 20.00 horas no Salón Teatro.
Outro dos títulos máis comentados será Pillion, de Harry Lighton, Premio ao Mellor Guión na sección Un Certain Regard de Cannes e Mellor Actor na Seminci, unha atrevida reflexión sobre o desexo e o poder nas relacións, protagonizada por Alexander Skarsgård e Harry Melling. A película, que desmonta as convencións da comedia sentimental británica, proxectarase o sábado 8 ás 18.00 horas e o venres 21 ás 20.00 horas no Salón Teatro.
Completando a fin de semana, Two Seasons, Two Strangers (Dúas estacións, dous descoñecidos), de Sho Miyake, Leopardo de Ouro en Locarno 2025, ofrecerá unha experiencia cinematográfica de delicada beleza e contención emocional. O filme, inspirado no manga de Yoshiharu Tsuge, propón dúas historias que dialogan a través do silencio e o paso das estacións. Poderá verse o sábado 8 ás 22.00 horas no Teatro Principal e o domingo 9 ás 22.00 horas no Salón Teatro.
A sección oficial contará tamén coa presenza do director portugués José Filipe Costa, que presentará persoalmente o seu filme Pai Nosso. Os últimos dias de Salazar, unha mirada lúcida e irónica sobre o final do ditador portugués. As dúas sesións, con presentación do propio cineasta, terán lugar o domingo 9 ás 17.45 horas e o luns 10 ás 20.00 horas en NUMAX.
Cineuropa quere ademais poñer en valor o discurso da actriz e escritora Camila Sosa Villada, cuxo filme Tesis sobre una domesticación se anuncia como unha das proxeccións máis relevantes desta edición. A súa reflexión sobre a identidade trans e as formas da representación cinematográfica encaixa co espírito dun festival que entende o cinema como espazo de liberdade, diversidade e diálogo co presente.
Esta primeira fin de semana serve como adianto do alto nivel cinematográfico que marcará a trixésimo novena edición de Cineuropa, con títulos premiados nos principais festivais internacionais e cineastas de referencia que confirman o papel do certame compostelán como un espazo privilexiado para descubrir o mellor cinema contemporáneo. A vindeira semana o festival acollerá, o martes 11 de novembro, a entrega do Premio Cineuropa ao cineasta palestino Kamal Aljafari, en recoñecemento á súa traxectoria e á súa singular mirada sobre a memoria e o territorio. O acceso é de balde, previa retirada de convites que estarán dispoñibles o sábado, 8 de novembro ás 11 horas, na web de Compostela Cultura e na Zona C.
Sedes do festival e información práctica
O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos están á venda no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.
Apoios e colaboracións
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións como o Instituto Camões, a Xunta de Galicia - AGADIC e a Universidade de Santiago de Compostela, alén doutras entidades culturais e empresariais da cidade.