Arrincan os martes de contos e maxia no parque de Bonaval

O Festival C e o programa Apego propoñen sesións de narración, música, maxia e humor para escoitar, ir, imaxinar, participar e socializar en galego
A compañía Xarope Tulú abre este martes 4 con 'Lingoreteira' un programa que, ao longo do mes de agosto, contará coas propostas de Tropa de Trapo, Fran Rei e Félix Rodríguez e do Mago Paco
Todas as sesións están pensadas para a rapazada de 3 anos en diante e son de acceso libre
 

O público miúdo centra as tardes dos martes do Festival C, que volve abrir para a rapazada no parque de Bonaval un espazo onde imaxinar, rir, e participar en lingua galega. Da man do programa Apego, a sexta edición do festival inaugura este martes 5 ás 18 h na zona dos arcos o ciclo ‘Contos no parque’, un programa de sesións abertas e gratuítas de narración oral, espectáculos de maxia, música en directo e humor dirixidas a nenos e nenas a partir dos 3 anos de idade. 

A compañía Xarope Tulú dá entrada ao ciclo con Lingoreteira, unha peza que homenaxea o ser falangueiriño que habita en cadaquén, que nos anima a sacar a lingua a pacer e consegue así que a palabra e a oralidade sigan vivas ou, cando menos, non morran de todo. Atenea García e Nicolás Zamorano crean e interpretan este conto que combina narración oral, música en directo e monicreques. En escena, unha narradora e un músico fannos viaxar por novos vieiros a partir da música e a palabra.

O martes 12 será ocasión para que Tropa de Trapo comparta os seus Contos para nenas grandes e pequenas, unha proposta de narración oral e música en directo que achega historias de mulleres diversas arredor do poder do amor e da memoria, do bo trato entre as persoas e da igualdade entre homes e mulleres. Marta Ortiz e Brais das Hortas tráennos un feixe de contos de nenas con voz propia. 

A seguir, o martes 19, Fran Rei e Feli Rodríguez porán Máis Saaabor! ás sesións do Apego cunha función que mestura música en directo, maxia, humor ,ritmo e gastronomía para ofrecer un menú ben gorentoso e variado. Dirixida por Avelino González, esta proposta cómica para público infantil e familiar xira arredor do mundo da cociña, a alimentación saudable e o consumo de produtos de proximidade entre o público galego.

O Mago Paco pechará o ciclo o martes 26 con Ledicias, un espectáculo de maxia divertida e participativa coa que aguilloar o maxín e construír momentos que atesourar para a lembranza. Tras máis dunha década nos escenarios, o mago refai este espectáculo que o viu nacer para propor á rapazada (e ás súas familias) unha tarde chea de xogos, risos e sorpresas.  

Todas as sesións arrancarán ás 18.00 horas e son de acceso libre sen necesidade de reserva. Recoméndase levar unha esteira ou toalla para sentar no chan. 

Apego é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial no que colaboran os departamentos de normalización lingüística de numerosos concellos galegos, entre eles o do Concello de Santiago de Compostela, e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.

 

O Festival C 

O Festival C é unha iniciativa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración de programas como o Apego ou Danza a Escena,  do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). 

Do 4 ao 28 de agosto, a súa sexta edición leva a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán.

Todas as actividades son de carácter gratuíto e acceso libre agás os obradoiros de circo para a rapazada que, malia ser tamén de balde, precisarán inscrición previa no enderezo circonoveoficina@gmail.com para garantir que non se superan as prazas dispoñibles en cada sesión. 

A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.