

O novo proxecto de Pulso Ensemble reúne música contemporánea, danza, electrónica e participación social arredor da estrea en Galicia da obra multimedia do compositor Pedro González Fernández
O espectáculo poderá verse o vindeiro domingo 31 de maio ás 12.30 horas no Auditorio de Galicia dentro do ciclo Contemporáneas de Compostela Cultura, con entrada de balde previa retirada de convites
Música experimental, danza, electrónica e creación multimedia conflúen en Laboratorio Sonoro Inclusivo – Symbiont, a proposta escénica coa que Pulso Ensemble pon o ramo a esta edición do ciclo Contemporáneas de Compostela Cultura. O espectáculo, que poderá verse o domingo 31 de maio ás 12.30 horas no Auditorio de Galicia, propón unha experiencia inmersiva e participativa arredor da estrea en Galicia da obra Symbiont (2025), do compositor e investigador Pedro González Fernández.
A proposta culmina un proceso de obradoiros desenvolvido arredor da música contemporánea e dirixido especialmente a persoas en risco de exclusión social, co obxectivo de favorecer unha aproximación activa ás prácticas sonoras actuais. As persoas participantes integraranse nesta ocasión na interpretación da peza, creada por encargo do Festival Mixtur.
Concibida como unha instalación multimedia duns 35 minutos de duración, Symbiont reúne ensemble instrumental, electrónica, danza e voz nun dispositivo escénico no que intérpretes e tecnoloxía interactúan constantemente. No centro da escena sitúase un obxecto orgánico do futuro construído a partir de pólas e elementos naturais activados mediante servomotores e microcontroladores, xerando unha paisaxe sonora híbrida entre o humano, o artificial e o natural. A obra explora así posibles escenarios de convivencia —utópicos e distópicos— entre natureza, industria e tecnoloxía.
O elenco de Pulso Ensemble estará integrado nesta ocasión por David Durán ao piano, Sara Méndez ao saxofón e narración, Pablo Paz na percusión, Laura Seoane ao violín, Julio Argudo na electrónica e o propio Pedro González na dirección e multimedia. A súa interpretación estará acompañada da danza de Paula Quintas, Martín Blanco, Sonsoles Tordable e da Escola de Danza Alfaia, alén das voces dun coro de persoas usuarias da Residencia Porta do Camiño de Santiago.
Nacido en 2019, Pulso Ensemble é un colectivo centrado na música experimental de nova creación que desenvolve un traballo arredor da contemporaneidade e da relación entre o individuo e a revolución dixital. Os seus integrantes participaron en destacados festivais europeos especializados en música contemporánea e colaboraron con compositores como Michael Beil, Simon Steen-Andersen, Alexander Schubert, Stefan Prins, José Manuel López López ou François Sarhan, entre outros. Na súa traxectoria, ten colaborado con figuras destacadas da escena internacional como Michael Beil, Simon Steen-Andersen, Alexander Schubert, Stefan Prins, José Manuel López López, César Camarero, Fritz Hauser, François Sarhan ou Marko Ciciliani.
O Laboratorio Sonoro Inclusivo constitúe un dos eixes centrais do proxecto. Concibido como un espazo no que a música contemporánea dialoga con múltiples sensibilidades e realidades, a iniciativa procura tender pontes entre sons, persoas e comunidades a través da escoita, a experimentación e o diálogo. Cada sesión convértese nun lugar de descubrimento compartido no que as prácticas sonoras contemporáneas funcionan como ferramentas de expresión e encontro, sempre desde o respecto ás expectativas e experiencias de cada participante.
A través da creación colectiva, o proxecto constrúe unha experiencia artística viva que culmina nun espectáculo no que conflúen as voces, os corpos e os sons de todas as persoas implicadas. O Laboratorio Sonoro Inclusivo reivindica así a música contemporánea como unha ponte entre mundos e experiencias diversas, ampliando os espazos habituais de participación cultural.
Pola súa banda, Pedro González Fernández compaxina a creación musical coa investigación en arte intermedia e novas tecnoloxías. As súas obras puideron escoitarse en citas internacionais como o Musica Festival de Estrasburgo, o Klangwerkstatt de Berlín ou a International Computer Music Conference. Desde 2021 é profesor de Música Contemporánea na ESMUC e en 2023 recibiu unha bolsa Fulbright para desenvolver investigación no CCRMA da Universidade de Stanford arredor dos sistemas de feedback háptico e a cognición 4E.
As entradas para Laboratorio Sonoro Inclusivo – Symbiont poden retirarse de balde (máx. 2 por persoa) a través da web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural.