‘Contra Ana’ leva ás táboas unha mirada autobiográfica sobre os trastornos da conduta alimentaria

A compañía La Contraria presenta en Compostela unha peza escrita por Alma García a partir da súa propia experiencia coa anorexia
A montaxe, dirixida por Paco Montes, afonda nos mecanismos sociais, emocionais e identitarios que atravesan os TCA desde unha linguaxe escénica íntima e contemporánea
Este traballlo gañador do Premio Max ao Mellor Espectáculo Revelación terá unha única función en Compostela, o sábado 23 de maio ás 20.30 horas no Teatro Principal
 

A experiencia persoal da actriz e autora Alma García convértese en materia escénica en Contra Ana, unha proposta de autoficción que aborda a anorexia e os trastornos da conduta alimentaria (TCA) desde unha perspectiva íntima, crítica e fondamente humana. A obra poderá verse o sábado 23 de maio ás 20.30 horas no Teatro Principal, dentro da programación de artes escénicas de Compostela Cultura.

Contra Ana céntrase no ano que a autora pasou ingresada nunha clínica de Barcelona e constrúe, a partir desa vivencia real, unha reflexión arredor da identidade, da autoimaxe e das presións sociais que condicionan a relación co corpo. Lonxe de ofrecer unha visión simplificada do problema, a obra procura afondar na complexidade dos TCA e nos factores sociais que contribúen ao seu desenvolvemento e mantemento. 

Dirixida por Paco Montes, quen tamén asina a dramaturxia e a coreografía xunto a Beatriz Justamante, o espectáculo fia este relato autobiográfico con movemento e linguaxe contemporánea para explorar as relacións entre a persoa e a enfermidade. A través da escena, a obra formula preguntas sobre os estándares impostos, os mecanismos de control, os estereotipos e as formas nas que a sociedade participa na construción das identidades.

Alén da propia Ana García, conforman o elenco Carmen Climent, Javier Ruesga,Talia Bobany e Cristian Olarte. A proposta complétase cun equipo artístico no que participan Fer Muratoni na escenografía, Raquel Rodríguez na iluminación, Cristian Olarte na música e Alfon García na fotografía.

As entradas teñen un prezo de 12 euros e poden adquirirse en compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural —de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas— e no despacho de billetes do Teatro Principal o propio día da función desde unha hora antes do comezo. Existen descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e integrantes de familias monoparentais ou numerosas.

A representación de Contra Ana no Teatro Principal intégrase no Foco Escenas do Presente de Compostela Cultura, unha liña de programación que centra a mirada na creación feita polas xeracións máis novas e dá abeiro a espectáculos que, tanto no estético como no temático, poñen sobre as táboas as súas preocupacións, conflitos e maneiras de afrontar a actualidade.