

O documental, con guión e dirección de Ugia Pedreira e realizado por Óscar Górriz, proxectarase o mércores 15 de abril, Día Internacional da Arte, no Auditorio de Galicia seguido dun coloquio aberto co equipo artístico
A sesión, de acceso libre ata completar capacidade, propón unha experiencia sensorial e accesible arredor da música, a creación e a diversidade funcional
A Sala Mozart do Auditorio de Galicia acolle o vindeiro mércores, día 15 de abril, a proxección de Basal, un documental dirixido e guionizado por Ugia Pedreira e realizado por Óscar Górriz que propón un achegamento íntimo e sensorial á vida e ao universo creativo da artista galega. A sesión, que comezará ás 19.00 horas con acceso libre ata completar capacidade, incluirá un coloquio coa artista e o realizador, aberto ao público asistente.
Basal constrúe un relato delicado e profundo arredor da relación entre a creadora —coñecida musicalmente como A Pedreira— e a súa filla Lua Awel, quen ten parálise cerebral e desenvolve unha conexión singular coa música. O documental percorre diferentes momentos e espazos da súa vida compartida, desde as sesións de Feldenkrais en Donostia ata a participación de Lua na gravación do álbum homónimo, nun diálogo constante entre corpo, son e emoción.
Concibido como un “docudisco”, o filme convida a un percorrido polas cancións da Pedreira, atravesando tamén a memoria familiar e o territorio. A casa paterna, o canto da súa nai —Isabel, cantora popular— e o patrimonio musical da Mariña lucense e do occidente asturiano configuran unha paisaxe sonora e afectiva que dialoga coa xeografía cantábrica e coa experiencia compartida na Fundación Edes, espazo de referencia no ámbito da diversidade funcional.
A narración incorpora tamén a voz da artista Cristina Pato desde Nova York, quen reflexiona sobre o acceso á cultura como un dereito fundamental. Neste sentido, Basal subliña a importancia de construír prácticas culturais inclusivas, capaces de acoller todas as sensibilidades e capacidades.
O documental ábrese cunha improvisación musical gravada nos estudos de Kaki Arkarazo, xunto a Ibai Arrieta de Cámara, e péchase en Donostia cunha escena que condensa o espírito da peza: a capacidade transformadora do movemento e da música como formas de pensamento.
Basal preséntase así como unha proposta cargada de tenrura e intensidade, que entrelaza creación artística, memoria e diversidade nunha experiencia cinematográfica e musical de gran potencia evocadora. A súa proxección en Compostela é unha iniciativa da Deputación da Coruña co apoio do Concello de Santiago.