BASAL · PROXECCIÓN E COLOQUIO

DATOS BÁSICOS

BASAL, DE UGIA PEDREIRA

[Documental, 27', GAL]

Basal é un documental que retrata a vida da cantautora Ugia Pedreira, coñecida como A Pedreira, xunto á súa  filla Lua Awel, que ten parálise cerebral e unha relación “curiosa e espléndida ” coa música.  O relato abarca desde as sesións de Feldenkrais de Gaia Kiel en Donostia ata a participación de Lua na gravación do álbum tamén chamado Basal.

Este formato  docudisco convídanos a un paseo sonoro polas cancións da artista, transitando pola súa casa familiar paterna e polo canto da súa nai, Isabel, unha cantora popular de quen herdou o “patrimonio musical galego” do seu territorio, A Mariña de Lugo coa sua arquitectura singular e o occidente Asturiano. Este último é relevante porque Lua e Ugia forman parte da comunidade da Fundación Edes, un centro especial coidadoso para a diversidade funcional, encadrado na xeografía cantábrica.

A narración conta coa presenza en Nova York de Cristina Pato, quen reflexiona sobre o arte como un dereito, non como un privilexio, e ambas destacan a necesidade de actividades culturais accesibles para todos os públicos, independentemente das súas capacidades.

Basal é un relato íntimo, cargado de tenrura e paisaxes sonoras e visuais rotundas.
Musicalmente, comeza cunha improvisación bellisima gravada nos estudos de Kaki Arkarazo con Ibai Arrieta de cámara. Donostia é a  cidade onde tamén conclúe o proxecto documental cunha Lua que nos lembra como un movemento cambia  a forma de pensar

Ugia Pedreira, directora e guionista do filme, e o realizador da fita, Óscar Górriz, presentarán a proxección e manterán, ao seu remate un coloquio co público. A sesión enmárcase na programación especial do Día Mundial da Arte que a Deputación da Coruña promove co apoio do Concello de Santiago.

Duración: 
80 min (aprox)
Acceso: 

Acceso libre ata completar capacidade

Info práctica: 
Mércores, 15 Abril, 2026
19:00
Auditorio de Galicia
MULTIMEDIA

Documental BASAL (Trailer)