A Tropa C emprende unha nova viaxe pola cultura en familia cunha ampla programación entre outubro e maio

Compostela Cultura presenta a tempada 2026-2027 da Tropa C, cunha programación estable para a infancia, a mocidade e as familias 
O programa reúne 17 propostas escénicas e musicais no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal, ás que se suman as actividades de balde da Casa das Máquinas e o programa didáctico da Tropa C no Ensino 
Teatro, circo, danza, monicreques, música, cinema, clown, acrobacias e xogos conforman unha oferta para diferentes idades, desde a primeira infancia ata a adolescencia
 

A Tropa C emprende unha nova expedición polo universo cultural compostelán. Compostela Cultura presentou hoxe a súa programación escénica e familiar para a tempada 2026-2027, unha proposta ampla e diversa que volverá levar a Pili Po, Gael Po Alla, Octavia Altiora, Lupa e Quercus de Conxo polos principais escenarios da cidade e por outros espazos nos que xogar, descubrir, aprender e compartir cultura en familia.

De esquerda a dereita, Natividade González, Míriam Louzao e Xaquín López

A nova tempada foi presentada en rolda de prensa pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López.

Tras o seu nacemento o pasado ano como selo da programación familiar de Compostela Cultura, a Tropa C consolídase como unha ferramenta de mediación cultural que busca que a cativada e a mocidade identifiquen os espazos e a programación cultural pública como propios. Pili Po, Gael Po Alla, Octavia, Lupa e Quercus representan diferentes maneiras de mirar o mundo e valores como a curiosidade, a empatía, a valentía, o respecto, a cooperación e o vínculo coa cultura e coa contorna. A campaña nacía precisamente coa vontade de converter a cidade nun universo cultural para a infancia e reforzar o acceso á cultura como un dereito.

“Queremos que as nenas e os nenos de Compostela recoñezan os teatros, os auditorios e os espazos públicos como propios, porque non son unicamente a cidadanía do futuro: son cidadanía hoxe e teñen dereito a participar plenamente da vida cultural da súa cidade”, sinalou Míriam Louzao.

A concelleira puxo tamén en valor a colaboración institucional e agradeceu o apoio da Deputación da Coruña e das entidades e equipos colaboradores no mantemento dun programa “que nos permite sumar recursos e esforzos arredor dun obxectivo común: garantir o acceso á cultura desde as primeiras idades e achegala cada vez a máis persoas”.

Na súa intervención, a deputada provincial de Cultura, Natividade González, salientou especialmente a capacidade da cultura para xerar vínculos e experiencias compartidas desde a infancia e no ámbito familiar: «hai algo especialmente bonito na cultura en familia: crea experiencias compartidas. Unha función non remata cando se apagan as luces; continúa despois na conversa, nas preguntas dos nenos e das nenas, no que lles sorprendeu, no que lembran e no que os fixo rir».

Desenvolvida polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, a programación da Tropa C conta co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago, e coa colaboración de programas e circuítos como Danza a Escena, Circo a Escena e PLATEA do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM). 

 

Unha programación para medrar coa cultura

Só nos escenarios do Auditorio de Galicia e do Teatro Principal, a nova tempada reúne 17 propostas escénicas e musicais, ás que se engade a programación gratuíta da Casa das Máquinas con outras dez actividades. Teatro, circo, danza, monicreques, música, clown, acrobacia, xogos e mesmo cinema, conforman unha oferta pensada para públicos e idades moi diferentes, desde bebés que vivirán as súas primeiras experiencias culturais ata a rapazada, mocidade e familias. O programa combina compañías galegas con creacións chegadas doutros territorios e conta tamén coa implicación da Real Filharmonía de Galicia e da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e coa colaboración de programas como Cineuropa.

A programación articúlase novamente arredor das diferentes galaxias do Universo Tropa C. A Tropa C no Patio de Butacas fará dos principais escenarios da cidade un territorio tamén para a cativada e a mocidade, cunha combinación de teatro, danza, monicreques, música e circo. Tropa C Por Vez Primeira atenderá especificamente as primeiras experiencias culturais, mentres que Tropa C na Casa converterá a Casa das Máquinas nun espazo de acceso libre para xogar, participar e descubrir o circo, o teatro de rúa e os xogos. A elas súmanse Tropa C no Ensino, coa que as artes e a cultura chegan ás aulas, e Tropa C co Apego, con propostas para medrar, aprender e compartir en galego desde os primeiros anos de vida.

 

Dos grandes escenarios á Casa das Máquinas

A programación escénica abrangue propostas moi diversas. Entre elas estará O bosque de Grimm, no que a Real Filharmonía de Galicia e La Maquiné combinarán a música de Ravel con teatro xestual, monicreques e vídeo; da mesma colaboración nace Farö, unha fábula sobre a soidade, a luz e a transformación persoal;  ou Reiniciar memoria, no que a RFG e Miguel Ángel Cajigal «El Barroquista», achegarán a música sinfónica á mocidade desde unha perspectiva contemporánea.

A participación da Banda Municipal de Música de Santiago reforza esta axenda musical con propostas como Breve historia da música clásica e Música de Cine, especificamente pensadas para achegar novos públicos aos diferentes repertorios.

Pero a tempada permitirá tamén achegarse ao circo contemporáneo con traballos como Tenet, de Eunoia Kolectiva; La Marquesina, de Truca Circus e La Grainerie; ou A Contratempo, a nova creación de Pistacatro coa que Compostela celebrará o Día Internacional do Circo.     

O programa complétase con propostas como tÁ, de Escena Miriñaque; Triplette, de Labu & Cris Clown; Mini Break, de Brodas Bros; Mular (o la gran captura), de Cinc Cèntims Teatre; O libro da selva. O musical, de Ártika Cía.; Bosque, de Mamá Cabra; ou Elara, unha viaxe ás estrelas, de Mar-Mar Teatro, entre outras.

A atención á primeira infancia materializarase especialmente no mes de maio con Marceline, de La Petita Malumaluga, para crianzas de 0 a 3 anos, e Únicos, de Date Danza, dirixida a público de entre 3 e 6 anos.     

Ao tempo, a Casa das Máquinas volverá encherse de vida cun programa integramente de balde que combinará circo, teatro de rúa e distintas propostas arredor dos xogos tradicionais. Xogos Miudiño, SororAs, Xogos Vaidavai, e Xotramu forman parte dunha axenda que se completa cos equilibrios de Sue Moreno en 5.0, a comedia Os Senteito de Caramuxo Teatro, as acrobacias de Marta Sempre Arriba en Hoxe si! e o humor circense de Crunch 2 en Muu. O obxectivo é seguir a facer deste espazo un lugar de encontro no que as familias poidan participar, brincar, compartir e achegarse tamén ao patrimonio lúdico e á tradición.   

A Tropa C no ensino: case 18.000 prazas no programa didáctico 

A dimensión da Tropa C esténdese de maneira especial ao ámbito educativo. O programa didáctico que o Concello de Santiago desenvolve desde hai máis de 30 anos ofrecerá durante o curso 2026-2027 14 espectáculos en 38 funcións, dirixidas a estudantado desde Educación Infantil ata Bacharelato.

A día de hoxe, cando aínda non rematou o proceso de concesión de prazas nos espectáculos, están xa asignadas 17.969, coa participación de 150 centros educativos e catro entidades sociais. Dos centros participantes, 39 son de Santiago, 20 da comarca compostelá e 91 proceden do resto de Galicia, o que dá conta da capacidade de atracción e do alcance galego do programa. 

Por procedencia do alumnado, 7.751 prazas corresponden a centros de Santiago, 1.916 á comarca e 8.088 ao resto de Galicia. Ademais, o 82,7 % dos centros participantes son públicos, fronte ao 17,3 % de centros privados ou concertados. 

A oferta procura tamén chegar ás diferentes etapas educativas: están asignadas 5.181 prazas a Infantil, 1º e 2º de Primaria; 3.413 a 3º e 4º de Primaria; 3.401 a 5º e 6º; e 5.974 a ESO e Bacharelato.

O director-xerente do Auditorio, Xaquín López, destacou a dimensión e o carácter marcadamente público do programa didáctico, así como o valor das artes escénicas como ferramenta educativa: «O 82,7 % dos centros que participan no programa didáctico son públicos. Temos a firme convicción de que as artes escénicas son un instrumento de enorme valor para construír os currículos académicos e as experiencias educativas dos nenos e nenas, e é importantísimo que os centros públicos poidan formar parte deste programa».

Venda de entradas

As entradas e convites para os espectáculos programados ata finais de 2026 están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura e de maneira presencial nos puntos de venda habituais. Para aquelas propostas que se celebran a partir de 2027, a venda e recollida de convites estará activa a partir do mes de decembro.

Toda a información sobre horarios, idades recomendadas, prezos e condicións de acceso de cada unha das actividades poderá consultarse na web de Compostela Cultura.

Con esta nova tempada, a Tropa C continúa ampliando o seu universo e estendendo a cultura por escenarios, aulas e outros espazos da cidade. Do teatro á música, do circo á danza, dos monicreques ao cinema e ao xogo, a programación busca acompañar a cativada desde as súas primeiras experiencias culturais ata a adolescencia, favorecendo unha relación próxima e continuada coa creación artística e facendo dos espazos culturais de Compostela lugares tamén propios para as novas xeracións.