O Auditorio de Galicia énchese de humor e acrobacias coa Gran Gala do Circo

Coordinada por Pistacatro, e programada o domingo 26 ás 18 horas, a cita reúne cinco números de circo contemporáneo con artistas do país e internacionais nun espectáculo pensado para todos os públicos
As entradas (3 €) para o evento poden adquirirse de forma anticipada na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C, e xa o propio domingo a partir das 17 h no do Auditorio sempre que existan localidades dispoñibles
 

A Gran Gala do Circo cumpre coa súa cita anual no Auditorio de Galicia cunha nova edición que encherá de humor, destreza e emoción a Sala Ángel Brage este domingo, 26 de abril, ás 18.00 horas. Integrada na programación d’A Tropa C de Compostela Cultura, a proposta volve converter o escenario nun espazo de encontro entre disciplinas e sensibilidades diversas do circo contemporáneo.

Baixo a coordinación de Pistacatro e con Antón Coucheiro como mestre de cerimonias, a gala artéllase arredor de cinco números que combinan clown, malabares, acrobacias e técnicas aéreas, nun formato áxil e dinámico pensado para o goce do público grande e miúdo. O propio Coucheiro encargarase de fiar a velada coa súa presenza escénica, humor e complicidade, creando unha experiencia continua e participativa.

Abrirá o espectáculo Ana Cuervas, da compañía Avela Circo, cun número de equilibrios e clown poético marcado pola delicadeza e a beleza visual. A continuación, o clown vigués Dani Blanco dará vida ao seu personaxe Rogelio, achegando unha proposta directa e chea de comicidade.

Un dos momentos centrais chegará coa actuación do malabarista Fernando Torres, formado na recoñecida escola de circo de Lido (Francia) e vinculado á ópera dos Gandini, quen ofrecerá unha exhibición de gran precisión técnica. Xunto a el, a aerialista letoa Maija Sukute sumará á gala unha intervención de forte impacto estético, marcada pola elegancia e o virtuosismo.

O peche correrá a cargo de Ricki, profesor de tenis, malabarista e clown, cun número cheo de enerxía que garante unha despedida festiva e próxima.

A edición deste ano destaca por un ton especialmente lúdico e accesible, no que o humor e a presenza do clown adquiren un protagonismo central, configurando unha proposta diversa, áxil e pensada para conectar con públicos de todas as idades.

As entradas teñen un prezo de 3 euros, con descontos do 50% para os colectivos habituais, e poden adquirirse a través da web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas) e no do Auditorio de Galicia o propio día do espectáculo desde unha hora antes do seu inicio.