

O Colectivo Galiza Emocional propón un percorrido guiado que combina creación sonora en directo, accións performativas e participación veciñal para afondar na memoria oral do territorio
O paseo desenvolveranse o sábado 23 de maio en dúas quendas, ás 11 e 12.30 horas, con 20 prazas dispoñibles en cada unha delas
A participación é de balde, con inscrición aberta desde o 23 de abril en compostelacultura.gal
Compostela Cultura abre mañá xoves, día 23 de abril, as inscricións no Sarela Caudal Sonoro. Un paseo acústico, unha proposta do Colectivo Galiza Emocional que se integra na programación de do ciclo Contemporáneas e que convida a experimentar o río Sarela a través dunha escoita atenta, expandida e consciente.
O percorrido, de aproximadamente 75 minutos de duración, desenvolverase o sábado 23 de maio en dúas quendas, ás 11.00 horas e ás 12.30 horas, e transitará da Ponte do Carme até o Muíño de Parente atravesando fontes, lavadoiros, aceas e canais de rega. Ao longo do camiño, as persoas participantes poderán achegarse á historia e ao presente dun río que foi motor económico, social e simbólico da cidade, e que hoxe continúa a abeirar múltiples capas de vida, memoria e transformación.
Lonxe de ser un espazo silencioso, o Sarela defínese polo seu constante borboriñar. A proposta amplifica ese son e convérteo en materia artística. Mediante un sistema de escoita amplificada, o paseo transforma en directo os sons da contorna—captados con micrófonos binaurais, cardioides, xeófonos ou hidrófonos— nunha peza sonora única que evoluciona en cada sesión.
A experiencia complétase cunha dimensión performativa e participativa: unha persoa guía acompañará o grupo propoñendo dinámicas de escoita e interacción co espazo, mentres que ao longo do percorrido se incorporan pequenas intervencións artísticas —instalacións, accións ou música en vivo— e testemuños da veciñanza, recollidos previamente polo equipo creador. Deste xeito, Sarela Caudal Sonoro constrúe un relato colectivo que conecta emoción, creación contemporánea e divulgación do patrimonio.
A proposta pon o foco na necesidade de repensar a relación cos recursos naturais nun contexto global no que máis de 2.200 millóns de persoas carecen de acceso á auga potable.
A participación é de balde e as prazas son limitadas a un máximo de 20 persoas por quenda, polo que será necesario realizar inscrición previa no formulario habilitado a través da web compostelacultura.gal antes do 23 de maio. Poderase reservar un máximo de dúas prazas por solicitude e as dispoñibles iranse adxudicando por orde de inscrición. As persoas que se fagan cunha das prazas recibirán un correo electrónico de confirmación no enderezo facilitado no formulario.
Contemporáneas
Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un programa que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña.
Até a fin de maio de 2026, o ciclo ofrecerá outras seis propostas, diversas e interdisciplinares, que buscan mergullar o público na creación musical contemporánea a través dun fío poético e compositivo: a auga. Símbolo de transformación, fluidez, memoria e desexo, a auga é o punto de partida dun itinerario que explora o seu poder sonoro, a súa dimensión política e o seu valor como metáfora da vida e do cambio. As obras seleccionadas abordan o líquido desde múltiples perspectivas —estética, ética, ecolóxica— e convidan as persoas asistentes a se embarcar en novas formas de escoita.
Próximas citas
12 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Nacho Muñoz / Sol Álvarez · Compostela In-audita
23 maio, 11.00 h, Río Sarela | Colectivo Galicia Emocional / Nacho Muñoz / Sol Álvarez / Marcos PTT · Sarela. Caudal sonoro
31 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Pulso Ensemble / Pedro González · Laboratorio Sonoro Inclusivo - Symbiont