

A xornada venres 20 pon o foco nas novas voces coa entrega dos Premios Respira! e culmina cun encontro único entre música e poesía da man de Faia, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico
O sábado 21, Día da Poesía, o festival propón un percorrido entre cinema, intervencións en espazos ocultos do Teatro Principal e unha gran celebración da oralidade contemporánea
Todas as actividades son de balde con convites dispoñibles en compostelacultura.gal, na Zona C e no despacho de billetes do Teatro Principal
O Festival Alguén que Respira! entra na súa recta final cunha fin de semana que condensa as principais liñas desta novena edición, marcada pola reflexión arredor da memoria e pola apertura da poesía a múltiples linguaxes e formatos.
O venres á tarde, o festival poñerá o foco nas novas xeracións coa celebración de Letras novas, unha sesión que arrancará ás 20 horas no Teatro Principal e incluirá a entrega dos Premios Respira! de poesía para estudantes e a lectura dos traballos gañadores. Estes galardóns recoñecen o talento creativo en diferentes etapas formativas e nesta edición, dedicada á memoria, recaeron en Mario Blanco Boullosa, na categoría de estudantado universitario, co poema Onte fomos nenos e xa non; Mencía Rodríguez Lorenzo, no apartado de estudantes de Bacharelato e Ciclos formativos de 1º grao, co traballo Non me lembro de nada; Lucía Gaute Fernández, entre o estudantado de E.S.O co poema A memoria; e, finalmente, Carmen Fernández Castillo, estudante de primaria co seu poema Sitcht.
A xornada culminará ás 20.30 horas cunha das propostas máis especiais do festival: un recital que reúne a Faia, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico, catro figuras destacadas da música galega que se deixan atraer pola gravitación da poesía nun encontro artístico único. A sesión propón unha experiencia escénica irrepetible na que a música e a palabra dialogan e se transforman mutuamente.
A novena edición do Respira! despedirase o sábado 21 de marzo, Día da Poesía, cunha sucesión de propostas que atravesan o cinema, a intervención escénica e a oralidade contemporánea.
A mañá abrirase no ambigú do Teatro Principal cun café-faladoiro protagonizado polo director Iván Castiñeiras, quen afondará na relación entre imaxe e poesía a partir do seu filme Deuses de pedra. A sesión continuará coa proxección desta obra, rodada ao longo de quince anos e convertida xa nunha referencia do cinema galego recente, na que a memoria se erixe como eixe narrativo.
Xa pola tarde, ás 18.00 horas, regresará ao festival unha das súas propostas máis singulares: Atravesei a cerca, un percorrido por espazos habitualmente inaccesibles do Teatro Principal que se transforma nun itinerario poético. Nesta edición participarán voces como Alexandre Fernández Peón, Ana Romaní e Chus Silva, David Trashumante e Antón Reixa, nun diálogo entre creación, arquitectura e experiencia sensorial.
A xornada culminará ás 20.30 horas con Son nove e non van ser dez, unha das citas máis emblemáticas do Respira!, que reúne algunhas das voces máis destacadas da poesía oral galega contemporánea. Sobre o escenario daranse cita Silvia Penas, Estevo Creus, Isaac Xubín, Samuel Merino, Lucía Aldao, Nieves Neira e María Grandío, nunha sesión que reivindica a forza da palabra dita e a dimensión colectiva da poesía.
O festival pechará así unha edición que consolidou Compostela como epicentro da creación poética contemporánea, reafirmando o seu papel como espazo de experimentación, memoria e comunidade arredor da palabra.
Acceso e información práctica
Todas as actividades son de balde. O acceso aos cafés-faladoiro é libre ata completar capacidade, mentres que para os recitais da tarde é preciso retirar convite previamente a través da web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C ou no do propio Teatro Principal (neste caso, dende unha hora antes do arranque de cada evento e sempre que existan localidades dispoñibles)