SÉS pecha en Compostela a xira "Nadando na Incerteza", ao abeiro do ciclo Fiestra Aberta

A cantora bergantiñá volve o sábado 21 de marzo ao Auditorio de Galicia cun directo centrado na esencia da canción e nun repertorio que reivindica a palabra, a emoción e a autenticidade como eixes da súa proposta musical
Aínda quedan algunhas entradas dispoñibles, que poden ser adquiridas de forma anticipada en compostelacultura.gal e na Zona C e, xa o día do concerto, no despacho de billetes do Auditorio de Galicia
 

A cantora e compositora SÉS volve a Compostela o vindeiro sábado 21 de marzo, ás 20.00 horas, para ofrecer no Auditorio de Galicia o último concerto da xira de presentación do seu novo traballo discográfico, Nadando na Incerteza. 

Neste espectáculo, que se emarca dentro do ciclo musical Fiestra Aberta, a artista coruñesa de orixe bergantiñá ofrece un directo que afonda na esencia da súa proposta musical, situando a canción no centro absoluto. Sen artificios nin sobreproducións, a proposta convértese nun exercicio de artesanía sonora no que a palabra e a melodía funcionan como os piares fundamentais dun repertorio concibido para sosterse por si mesmo.

Publicado a finais de 2025, Nadando na Incerteza reúne trece cancións orixinais e marca unha nova etapa na traxectoria dunha das voces máis recoñecibles da música galega contemporánea. O disco caracterízase pola tendencia á sinxeleza instrumental, por voces que respiran con peso e por composicións nas que a honestidade expresiva e o compromiso coa canción como forma esencial de comunicación artística definen o seu ton.

A xira coa que SÉS presentou este traballo en diferentes cidades galegas confirma o lugar da artista como unha das grandes cancionistas do país, capaz de combinar forza escénica, emoción e palabra nun diálogo directo co público. O concerto en Compostela permitirá escoitar en directo os novos temas xunto con algunhas das cancións que conforman xa o seu universo musical.

Sobre o escenario, SÉS estará acompañada por unha banda formada por Sabela Galbán (acordeón, frauta, percusións e voz), Hirahi Afonso (timple canario e guitarra), Tito Calviño (guitarra) e Mayfer Pinto (percusións), nun formato que potencia a proximidade e a intensidade interpretativa das súas cancións.

Aínda quedan unhas poucas entradas dispoñibles (12 euros, con descontos do 50 % para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) que poden ser adquiridas de forma anticipada en compostelacultura.gal, e  na Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h). Se non se esgotan antes, tamén se poderán mercar directamente no despacho de billetes do Teatro Principal o propio xoves a partir das 20.00 horas.

Fiestra Aberta, un mapa de voces e resonancias

Fiestra Aberta é un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. Antía Muíño, SÉS, Rocío Márquez, Xan Campos, Pablo Sanmamed e Su Garrido Pombo conforman o cartel semestral dun programa que se estenderá até final de ano con novas propostas.

Concibido como un espazo de intercambio e resonancia, Fiestra Aberta pon o foco na exploración do íntimo como territorio creativo e político, na palabra poética como ferramenta de coñecemento e na música como linguaxe común capaz de atravesar fronteiras, xeracións e tradicións. O ciclo, cuxo título ecoa as últimas palabras de Rosalía de Castro, insírese tamén na vontade de facer de Santiago unha cidade rosaliana, comprometida coa difusión da figura da autora e coa súa proxección como referente cultural europeo. 

Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, Fiestra Aberta conta co apoio do Consorcio da Cidade.